Narón-Quinta edición do programa «Verde que te quero verde»

O Padroado da Cultura de Narón convoca de novo unha gran variedade de espectáculos, dirixidos a público familiar e infantil, en espazos verdes da cidade. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron na mañá deste luns a convocatoria, que inclúe un total de oito espectáculos os vindeiros catro domingos. Ferreiro destacou que se trata dunha proposta “coa que novamente levamos á rúa os espectáculos culturais para que poidan desfrutar deles as veciñas e veciños, con propostas moi variadas e que se irán sucedendo como xa é habitual durante todos os domingos do mes de xullo”

A primeira das citas de Verde que te quero verde será o día 4 na Praza Irmáns Freire, en Xuvia, a partir das 12.30 horas. As actuacións correrán a cargo de “Oviravai” e Roger de Flor e a Tribo. Verónica Santalices, Laura Iglesias, Federico Wlicki e David Álvarez son os integrantes de “Oviravai”, que traerá a Narón o seu primeiro traballo “As andanzas de Paio”, no que se traballan temas como as cores, as estacións, as vogais… e se incide na transmisión de valores como a amizade, a solidariedade, o coidado do planeta…

A segunda das propostas, a cargo de Roger de Flor e a Tribo condensan o folk e o pop, o swing e a bossa, a canción tabernaria e a melodía máis delicada nunha proposta cantada en galego, castelán, italiano, inglés e portugués. Roger de Flor estará acompañado polo percusionista Serxio Galego, o acordeonista Nicolás Vidal e a intérprete Silvia Fralleoni.

O domingo 11 de xullo, no mesmo horario, actuarán Paco Nogueiras e Ukestra do Medio na zona verde da rúa 25 de Xullo (Alto do Castiñeiro). O acordeonista, músico e actor Paco Nogueiras é un dos artistas máis coñecidos polo público miúdo, con traballos como «Brinca Vai!» e «Radio BuleBule». Cunha ampla traxectoria profesional regresa a Narón para protagonizar unha xornada de música infantil. A segunda proposta, a cargo de Ukestra do Medio, céntrase nun grupo de ukeleles nado en Santiago de Compostela no ano 2013 versionando diferentes músicas con ukeleles, baixo e caixón de clásicos do rock&roll, country, swing ou pop, pero tamén músicas tradicionais galegas ou portuguesas, tangos, cumbias… En Narón poderanse escoitar os temas de “Outras Lérias”, un disco que veu a luz no ano 2020 e con músicas propias cantadas en lingua galega e con influencias que van dende o pop intimista ó surf, power pop ou country.

A terceira cita deste programa de encontros culturais será o 18 de xullo, tamén ás 12.30 horas, na rúa Francisco Pizarro (A Solaina) e a cargo nesa ocasión de Lydia Botana e Mad Martin Trío. O público poderá desfrutar con Lydia Botana das tradicións, bailes, música e instrumentos de diferentes continentes, valorando a súa diversidade. Pola súa banda, Mad Martin Trío toca rock&roll clásico e publicou varios discos dende o ano 2014, no que debutaron coa presentación de “It was a very good year” tema talismán do trío e unha versión do de Ervin Drake que fixo popular Frank Sinatra. Dende entón editaron temas propios e outras versións de clásicos que soan habitualmente en varios programas radiofónicos.

A quinta edición de “Verde que te quero verde” pecharana Sérgio Tannus e Emilia y Pablo no parque da rúa da Mariña Española. A música infantil chegará da man de Sérgio Tannus, un dos artistas máis completos da safra brasileira. Autodidacta e virtuoso en varios instrumentos, foise perfeccionando na procura de novas sonoridades, con diferentes influencias pero sen esquecer as súas raíces brasileiras. Vive en Galicia dende 2006 e colabora como músico ou produtor musical con artistas como Uxía, Kepa Junquera, Carlos do Carmo… e gravou varios CDs de música infantil. A continuación chegará o folclore andino e o flamenco da man de Emilia y Pablo, un dúo chileno procedente do teatro e que se convertiu nunha gran promesa da canción grazas á mestura intimista destes dous estilos. Instrumentos e voces con composicións propias para un dúo que este ano publicará o seu agardado álbum: “Territorio de delirio”, do que xa se coñecen varios adiantos.

Dende o Concello animouse á cidadanía a participar nesta convocatoria, de balde, e dirixida a públicos de todas as idades.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …