Narón- O Concello organiza a primeira edición de Espazo Verde os días 17 e 18 de xullo

O Concello de Narón organiza a primeira edición de Espazo Verde, un mercado de divulgación do comercio local no que tamén se reserva un espazo para a artesanía, o ocio e a hostalería, con zonas claramente diferenciadas. Os concelleiros de Promoción Económica, David Pita, e Feiras e Mercados, Santiago Galego, presentaron o evento, que se desenvolverá os días 17 e 18 de xullo no parque do río Freixeiro, en horario de 11.00 a 00.00.

“O gran obxectivo é resaltar as cualidades do comercio, hostalería e outras empresas do concello, que se desenvolverá ao aire libre e donde se poderá participar en obradoiros impartidos por empresas locais dirixidos a persoas de todas as idades”, apuntou  David Pita.

O edil naronés recordou “o que sufriron as empresas do sector debido á pandemia da Covid-19”, asegurando que este evento “é un xeito de apoialas e darlles visibilidade, apostando polo comercio e o produto local”.

Haberá tamén concertos en directo, ao mediodía e pola noite –mantendo as medidas sanitarias en vigor- e exhibicións de artesanía e cestería, así como masterclass de zumba e de ioga, exhibición de hip hop, obradoiros de chapas e slime para nenas e nenos, food trucks e moitas outras propostas.

Os establecementos da cidade que queiran estar presentes en Espazo Verde poderán anotarse dende hoxe na web: www.espazoverde.es , a mesma dende a que o público poderá realizar o rexistro de asistencia por trazabilidade da covid-19.

Pola súa banda, o edil de Feiras e Mercados destacou que “queremos poñer en valor, como se fixo coa primeira edición da Feira do Motor, os sectores da zona, como o comercio local e de proximidade”. Galego apuntou que se deseñou “un percorrido en diferentes ubicacións do parque donde se sucederán as actividades previstas” e subliñou a oportunidade de “ofrecer este escaparate ás empresas interesadas en participar no evento”.

Os edís naroneses avanzaron que se organizarán novos eventos nesta mesma liña e animaron á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta primeira edición de Espazo Verde o vindeiro mes de xullo.
As persoas que acudan deberán cumprir o protocolo covid que se anunciará previamente, en función da evolución da situación sanitaria das datas nas que se desenvolverá o evento.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …