Narón-Ábrese o prazo de «Envellecemento Activo»

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, anunciou a apertura do prazo o día 1 de xullo, nas actividades do curso 2021-2022 do programa municipal de Envellecemento Activo e do programa Comunitario. Desenvolveranse no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, no centro das Vivendas da Mariña e en locais sociais da zona urbana e rural, ó igual que en anos anteriores.

En canto ó programa de «Envellecemento activo» ofertaranse varias actividades e terán preferencia as persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón. A edil naronesa avanzou que se impartirá ximnasia rehabilitadora, ioga, memoria, apoio á informática, labores, un obradoiro de enredar e outro de lecto-escritura e cancións de animación e canto coral. “Trátase de propostas de entre unha e dúas horas por sesión e que se imparten unha ou varias veces á semana, dependendo da modalidade”, indicou García.

Sobre as mesmas destacou, como novidade este ano, a proposta do obradoiro de enredar, “dirixido a persoas maiores de 60 anos da cidade e que viven soas e está pensado para animalas a que interactúen entre elas, coñezan outras persoas e facilitarlles información do municipio, dando así un paso máis dende o Concello para achegarnos a ese colectivo, ó que animamos a participar nesta actividade que se vai desenvolver no Manuela Pérez Sequeiros”.

O programa comunitario inclúe sesións de ximnasia rehabilitadora, ioga, memoria, pilates, zumba, danza oriental, musicoterapia, bailes latinos, costura, corte e confección, obradoiro de achega ás novas tecnoloxías, english coffee e obradoiros de cociña para persoas adultas. A maiores, ó longo do curso tamén se organizarán mostras fotográficas e artísticas, charlas e debates e actividades extraordinarias.

“Con esta oferta garantimos en todo momento o cumprimento dos criterios sanitarios en vigor en cada momento, que xa condicionou o pasado curso”, asegurou García. Un ano máis, debido á mellora na situación derivada da covid-19 “tentamos recuperar o pulo social e cultural e as actividades que antes da pandemia xa se desenvolvían nestas instalacións”.

En canto ás inscricións nas actividades de «Envellecemento activo», as persoas maiores de 60 anos que estean matriculadas este mes, teñan as cotas pagadas ao día e non soliciten a baixa quedarán inscritos na actividade. As novas inscricións para as actividades organizadas son para maiores de 60 anos empadroados en Narón e no caso de quedar vacantes poderán anotarse menores de 60 anos empadroados en Narón cun informe médico que acredite a conveniencia da realización da actividade adaptada a esta idade e non estar imposibilitado para realizala. As persoas non empadroadas en Narón maiores de 60 anos ou menores que cumpran os requisitos indicados tamén terán opción a praza no caso de quedar vacantes.

Os requisitos para participar nas actividades dos centros comunitarios son que terán preferencia as persoas empadroadas en Narón e se quedan prazas libres poderán anotarse tamén as doutros concellos.

As inscricións poden tramitarse no caso das actividades que se levarán a cabo no Manuela Pérez Sequeiros e nas Vivendas da Mariña a través do teléfono 981 102 152 –de 8.30 a 13.30 horas; e no caso das que se impartirán de novo nos centros cívicos nos que se viñan facendo en anos anteriores haberá que anotarse na Sede Electrónica do Concello ou de xeito presencial no Servizo Sociocomunitario de Narón –primeiro andar, de 8.30 a 13.30 horas-.

A información ao completo destes programas municipais pode consultarse no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, no das Vivendas da Mariña, no Concello e a través da web do Concello.

Lea también

O Concello de Narón acolle ata o 3 de maio unha exposición sobre saúde mental

A pranta baixa do Concello acolle dende este xoves 18 e ata o vindeiro 3 de …