Narón-Inauguración do parque infantil no Val

O novo parque infantil de Vilacornelle, na parroquia do Val, está dende a mañá do día 2  aberto á cidadanía. A alcaldesa, Marián Ferreiro,e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse hoxe ata a zona para inaugurar as novas instalacións, nun acto ao que se convidou á Anpa do CRA, e ás entidades da parroquia. Xunto a veciñas e veciños da parroquia erepresentantes da corporación local, entre os que estaba o portavoz municipal do PP, Germán Castrillón, cinco menores da zona encargáronse de estrear os xogos instalados no parque.

O Concello destinou unha partida duns 45.000 euros para acometer os traballos que permitiron habilitar este novo espazo de xogos nunha parcela municipal. Conta cunha tirolina, un columpio dobre e outro de serpe e unha vagoneta. A ubicación, xunto ao centro cívico social, a pista polideportiva da parroquia e unha ampla zona verde, permitirá ós veciños desfrutar na parroquia dun amplo espazo de lecer.

O pasado o Consistorio acondicionou tamén unha parcela de aproximadamente 2.000 metros cadrados xunto ao centro cívico social na que se instalaron mesas e bancos de pedra e plantáronse varias especies de árbores autóctonas. O parque que agora se está construíndo ofrecerá novas alternativas de ocio para as nenas e nenos nese mesmo entorno, ao estar integrado nesa área.

“Continuamos traballando na mellora e ampliación dos espazos verdes e de lecer da cidade, tanto na zona urbana como na rural, para poñelos en valor e que poidan desfrutar deles as veciñas e veciños”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa agradeceu a asistencia dos representantes da entidade veciñal e animou aos nenos e nenas que se desprazaron hoxe ao parque a estrealo. Os menores recibiron como agasallo de mans da alcaldesa e dos edís da corporación local alí presentes unha gorra e unha botella de auga reutilizable.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …