Narón celebrará o Mercado Medieval

O Mercado Medieval de Narón celebrarase esta fin de semana, os días 9, 10 e 11 de xullo, no Parque do Río Freixeiro. O edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, deu a coñecer esta mañá o programa do evento, no que se darán cita un centenar de postos de artesanía e alimentación e que contará con varios espectáculos de animación e, como novidade, un campamento medieval. “Un ano máis recuperamos esta cita, xa consolidada entre os eventos da tempada estival na cidade e na que se congregan cada ano centenares de persoas”, asegurou Galego.

A Feira Medieval abrirá as súas portas o venres ás 18.00 e ás 18.30 horas abrirá o campamento medieval, dirixido a todo tipo de públicos e no que se dará a coñecer a vida da época, recreando situacións cotiás e donde se poderán ver armas, utensilios de cociña, toneis, haberá demostracións de combates, adestramentos, roupa do medievo…  

“É unha das novidades deste ano e esperamos que sexa do agrado de todas as persoas que o visiten, que terán a oportunidade de achegarse un pouco máis á vida no medievo”, apuntou o concelleiro. Tamén ás 18.30 horas abrirá o “rincón infantil”, con xogos de mesa para nenas e nenos e ás 19.00 dará comezo o gran pasarrúas de benvida ao mercado, no que participarán todas as compañías.

A continuación terán lugar os espectáculos “Froilán e as súas travesuras”, “Shinku”, con danza aérea e hula hop; música polas rúas a cargo de Treefolk e un espectáculo final dende as 22.45 horas con lume, pirotecnia, danza e un número aéreo.

Na xornada do sábado o Mercado Medieval reabrirá ás 11.00 horas, e tamén se poderá desfrutar ao longo da mañá e da tarde do rincón infantil, o campamento medieval, a música de Treefolk, espectáculos de duendes, sobre a natureza, as fadas, trovadores, sons de oriente e tamén haberá unha zona de restauración. Pola tarde reabrirá o mercado ás 18.00 horas con novas propostas para adultos e menores e novos números de elfos, pasarrúas, zancudos, música oriental… e ás 23.00 horas “Lume de bruxa”, con lume, pirotecnia, danza e un número aéreo, ao igual que na xornada do venres.

O domingo tamén se poderá visitar o Mercado Medieval dende as 11.00 ata o mediodía, coas propostas do campamento do medievo, o rincón infantil, un gran pasarrúas ás 12.00 horas con todas as compañías, teatro, un espectáculo de fadas e música de Treefolk.

Pola tarde, dende as 18.00 horas retomarase o programa e tamén ademais de música e propostas infantís haberá un pasarrúas con Treefolk ás 19.30 horas, espectáculos de acrobacias e teatro e outras propostas para rematar tralo pasarrúas das 21.30 horas.

Galego animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita e desfrutar de todas as súas propostas durante esta fin de semana “ó tratarse dun evento pensado para todo tipo de públicos”

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …