Narón-O concello destina unha partida económica para mellorar o exterior do xulgado

O Concello de Narón destinará unha partida de preto de 52.000 euros a acometer varias obras de mellora no edificio do xulgado, en Xuvia. O edil de Servizos, Ibán Santalla, explicou que o vindeiro luns, día 12 dará comezo a primeira das actuacións contratadas, que consistirá na reparación da cuberta do edificio. «A empresa adxudicataria dos traballos reparará todo o tellado, lavándoo, comprobando en que estado se atopa o asento das tellas e reparando as armaduras» explicou o edil naronés.

As obras de reparación da cuberta levan tamén implícita a colocación dos canalóns de recollida de pluviais, tal e como apuntou Santalla.Así mesmo, na actuación proxectada dende o Concello tamén se habilitou unha partida específica para o pintado exterior do edificio e que incluirá a instalación das baixantes.

O concelleiro de Servizos explicou que se trata «de dúas intervencións moi necesarias e que permitirán mellorar considerablemente tanto a estrutura exterior das instalacións como o seu aspecto exterior e que se levarán a cabo, segundo as previsións iniciais, nun prazo aproximado de dous meses»

O inicio das obras do tellado seguiranlle as de pintado, actuacións que se acometerán «dun xeito coordinado entre as empresas, para executalas de xeito que poidan rematar ó mesmo tempo»

A materialización deste proxecto leva implícitos unha serie de cambios para reordenar o tráfico rodado na zona, segundo apuntou Santalla. «Cortarase á circulación rodada algúns días, en función das necesidades da obra, vial da Praza do Concello, de acceso dende a estrada de Castela manténdose a circulación sen cambios no resto de viais da zona». Na mañá deste mesmo venres, axentes da Policía Local de Narón desprazáronse á zona para estudar os cambios que estarán en vigor durante as vindeiras semanas. A maiores, tamén se suprimirán temporalmente as prazas de estacionamento habilitadas en batería diante do edificio do xulgado.

«Dende o Concello estamos traballando para poder licitar en breve os traballos de mellora da accesibilidade do edificio do xulgado, unhas obras moi necesarias que suporán un investimento estimado en preto de 123.000 euros e que permitirán continuar avanzando na mellora da accesibilidade dos edificios municipais» recalcou Santalla

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …