Narón-A Xunta colaborará co Concello para axilizar os trámites do novo PXOM

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, reuniuse na mañá deste venres coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, para analizar en que punto da tramitación se atopa o futuro PXOM do municipio e tentar axilizar na medida do posible a súa aprobación inicial.

Durante a xuntanza, á que tamén asistiu o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, a rexedora expuxo varios aspectos puntuais relacionados co Plan e tamén a posibilidade de realizar algunhas modificacións no contido do mesmo co fin de mellorar o documento.

Pola súa parte, Encarna Rivas ofreceulles a máxima colaboración da Consellería para resolver calquera dúbida e axilizar no posible os trámites pendentes que dependan da Xunta. Neste sentido, o último paso que debe dar o Concello para aprobar de forma inicial o PXOM é solicitar á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que ratifique a vixencia do documento de alcance emitido no ano 2017.

A este respecto, a alcaldesa valorou a boa disposición da Xunta para analizar conxuntamente esas cuestións para dende o Concello continuar avanzando de cara á aprobación deste documento «tan importante para a cidade e que permitirá determinar as liñas de crecemento futuro» da mesma.

Cómpre lembrar que o Concello de Narón se rexe actualmente polo PXOM aprobado en 2002 e que traballa co obxectivo de dotarse dun novo documento de ordenación, adaptado acorde á normativa urbanística vixente na Comunidade.

De feito, a Xunta concedeulle a este municipio unha subvención de 276.000 euros para redactar o seu Plan Xeral. Nestes momentos, as dúas primeiras fases —correspondentes coa sinatura do contrato de redacción e a presentación do documento de inicio— xa foron aboadas, e quedan pendentes outras tres, que se irán facendo efectivas a medida que o documento avance na súa tramitación.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …