Lembranza das festas eumesas dos Taxistas e da Virxe do Carme

José Fonte Sardiña
Conta a lenda que Cristovo, que viviu entre os séculos III e IV, era un xigante dedicado á milicia, ao servizo do Imperio Romano, ata que un día un monxe eremita lle falou de Deus e o soldado decidiu converterse, abandonou o exército e preguntoulle ao anacoreta como debía servir ao seu novo Señor. O relixioso propúxolle que utilizase a súa enorme estatura e forza para axudarlles aos camiñantes a vadear un río que por alí había. Así o fixo e, un día, un neniño que por alí pasaba pediulle que o levase á outra beira no seu colo. O xigante aceptou con gusto, crendo que lle sería doado transportar a alguén tan pequeno, pero, consonte avanzaba polas augas cara á outra orela, o peso da criatura íaselle facendo cada vez máis difícil de aturar. Vencido aquel home de ben polo esforzo, tivo que ser o neniño o que o salvase de afogar (Foto de Aurora Lapique).

O xigante, moi sorprendido, preguntoulle por que lle resultaba unha carga tan pesada
sendo el ben miudiño e o cativo respondeulle que porque el era Cristo e cargaba co peso da humanidade. O pequecho díxolle ao xigante que a partir dese día se chamaría
Cristovo, porque unha vez transportara a Cristo, e por iso na actualidade é o patrón dos viaxeiros e os transportistas. As imaxes do santo que se gardan todo o ano na
gasolineira e na igrexa parroquial de Pontedeume están inspiradas na súa haxiografía
(Foto de Aurora Lapique).

En Pontedeume, cando eu era novo ―foron tempos―, celebrábanse con moita fachenda as festas na honra de san Cristovo, tamén chamadas dos Taxistas, que contaban coas mellores orquestras que daquela había en Galicia, entre as que nunca faltaban Los Satélites, a que máis sona tiña de todas, e o Grupo Lumbre, logo chamado tamén Os Eumeses, no que a maioría dos seus compoñentes eran da vila ou a bisbarra. As festas mesmo chegaron a durar catro días nos tempos do Bólido.

 

O dez de xullo saía en procesión san Cristovo subido na baca dun taxi e acompañado por unha gran caravana doutros taxis e tamén de coches particulares, e percorría as parroquias de Pontedeume e outros concellos bañados pola ría de Ares.

Hoxe, na vila, o día da súa festividade, o dez de xullo, todo quedou reducido, o que non é pouco, a unha misa solemne na igrexa parroquial e á procesión, no seu trono, arredor do adro, da imaxe de san Cristovo que alí se aloxa, portada por catro profesionais do taxi. O santo aparece en actitude de camiñar, apoiado nunha modesta vara que agarra coa man dereita e levando sobre o ombreiro esquerdo, como na lenda, ao Neno Xesús, que bendice o pobo coa súa destra e carga coa bóla do mundo na sinistra.

O dezaseis de xullo sempre foi festa grande na vila de Pontedeume, de fonda vocación mariñá, e tamén na miña casa ―ningún ano deixabamos de cantar con emoción a Salve marinera―, non en balde avoa Marina ―á que eu non cheguei a coñecer― fora peixeira, meu pai era un curtido mariño que sucou os mares de Europa e do alén e meu irmán máis novo, un acreditado mariñeiro nas nosas rías e nos mares máis afastados. Xa a semana anterior, a imaxe da Virxe do Carme, que se aloxa todo o ano nun pequeno e modesto fornelo situado no lado do Evanxeo da capela eumesa das Virtudes, a carón da casa onde eu vivía, era trasladada ao Fogar do Pescador, para ser venerada polos seus devotos.

O día da festa, antes da misa solemne, que se celebraba na ribeira, a imaxe da Virxe ía
sobre os ombreiros de catro mariñeiros, moitas veces acompañada pola danza de arcos
―uns anos bailaban a miña irmá pequena co grupo Airiños do Eume e outros os
de Orballo―, ata o barco que a levaría navegando pola ría para a bendicir, e sempre
desfilaba diante dela unha coroa de flores que logo era arrebolada ao mar.

Un dos barcos grandes da vila, engalanado coas bandeiras de Galicia e mais de España
―feitas en tea e izadas nun lugar preferente―, e as doutros moitos países ―realizadas
en papel e colocadas nun sitio máis secundario―, tiña a honra, cada ano, de levar a
Virxe do Carme ―que normalmente se xuntaba coa de Redes― pola ría de Ares, para
bendicir o mar, e detrás del ían os demais barcos pesqueiros e de recreo tamén
adornados con bandeiras. Entre eles estaba, como non, o noso caiuco, o Cariña de Rosa, gobernado polo seu patrón maior, o meu pai, que para a ocasión colocaba nun mastro as tres bandeiras, de Pontedeume, Galicia e España, que tamén levaba no corazón. Así e todo, algún ano fomos no Pedra Santa, que era un dos que adoitaba levar a Virxe e tiña por propietarios aos nosos primos, os fillos do meu querido tío Antón (Foto de Lola Fornos).

Xa de volta na ribeira, a Nai de Deus regresaba ao Fogar do Pescador, e máis tarde, na
igrexa parroquial, o párroco impoñíalle o escapulario do Carme, que eu sempre teño
comigo, a todo aquel que quixese. Cumpría así coa tradición que asegura que a Virxe do Carme fixera a promesa de salvar das penas do Inferno a todo aquel que levase o seu escapulario no momento da súa morte.

Naquelas festas había, ademais, sardiñada o dezaseis e verbenas pola noite, e adoitaban durar dous días. Algún ano, tamén saíu arredor do adro da igrexa parroquial unha pequena procesión coa fermosa imaxe que se aloxa, escoltada polas de san Expedito e santo Tomás de Villanueva, no retablo da Virxe do Carme, no lado do Evanxeo deste templo.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …

2 comentarios

  1. Para os que vivimos lonxe da nosa vila,poder leer todo canto escribe José Fonte Sardiña,e como revivilo tal cal.E ata nos fai coñecer moitas cousas ben interesantes que igual nin sabíamos.Mil grazas sempre para él.

  2. Graciñas, María Teresa. Sempre é un pracer compartir lembranzas, que nos fan revivir momentos felices da nosa vida.