Ferrol-O BNG pon en valor as súas aportacións ós Orzamentos municipais

Fot. Galicia Ártabra

O Bloque Nacionalista Galego votou na mañá deste luns, na reunión da comisión informativa de Facenda, a favor do proxecto de orzamentos municipais para 2021 que serán sometidos a aprobación plenaria o vindeiro xoves.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, defendeu «o voto afirmativo do BNG porque unha das necesidades fundamentais que ten esta cidade é poder contar cuns orzamentos municipais para poder enfrontar o futuro con outra perspectiva e desenvolver os múltiples proxectos que Ferrol precisa»

Iván Rivas, portavoz nacionalista, destacou que «hai que aproveitar a circunstancia excepcional que supón que as regras de gasto están suspendidas e que polo tanto é crucial que no ano 2021 a cidade de Ferrol conte cuns orzamentos que permitan que en anos posteriores, cando se volvan impoñer as restricións de gasto avaladas polo PP e o PSOE, poidamos ter uns limites económicos que nos permitan abordar os grandes problemas que temos na cidade». «Xa que do contrario, o feito de non contar orzamentos limitaría a capacidade de desenvolver os orzamentos dos anos seguintes debido ás restricións de gasto que establece a normativa estatal».

Iván Rivas reiterou «a necesidade de contra cuns orzamentos que permitan reverter a política de contención de gasto público impulsada polo Partido Popular desde o goberno municipal de Rey Varela e que permaneceu até hoxe». Así pois, «contrastan os máis de 22 millóns de euros orzamentados para 2021 cos 2,4 millóns de euros orzamentados polo PP en 2013 e que endebedamento municipal se adicará a desenvolver e executar proxectos e obras na cidade fronte ao endebedamento promovido polo PP de Rey Varela, que o elevou até o 68% dos ingresos correntes municipais e que so serviu para sanear as entidades bancarias en plena crise financieira»

Ivan Rivas destacou tamén que «diante da política de desmantelamento da administración pública iniciada polo PP coa liquidación do Imfacofe e os padroados desde o BNG temos claro que o futuro pasa pola municipalización de servizos hoxe privatizados».

Iván Rivas, por isto, destacou que «coas aportacións do BNG se desmonta un dos principais enganos promovidos polo PP de que non se pode municipalizar servizos públicos e que deberá servir de punto de inflexión para o futuro». «Ferrol vai abordar dunha vez os procesos de municipalización de servizos públicos e de fiscalización das grandes empresas que prestan, a día de hoxe, os contratos máis cuantiosos que desenvolve o concello. A municipalización do servizo de rozas e limpeza de vías da zona rural e a reclamación a Urbaser dos máis de 300.000€ que lle debe ós veciños e veciñas desta cidade implican que os servizos publicos en Ferrol comezan a poñerse ó servizo dos intereses dos veciños e das veciñas e non das empresas concesionarias»

Lea también

Aprobada en Ferrol la reparación de aceras en diversos puntos

La Junta de Gobierno Local ferrolano JGL dió luz verde al expediente de contratación de …