Narón-Citas culturais esta semana con cine, música e un mercado do comercio local

A cidade de Narón acollerá esta semana varias citas culturais en diferentes ubicacións e dirixidas a todo tipo de públicos. As propostas nesta área continúan esta semana co ciclo «Cine de Verán» que chegará o xoves 15 e o venres 16 a Xuvia e ó Alto do Castiñeiro, respectivamente.

Dúas novas proxeccións infantís, «Maimiño» na Praza do Colexio de Xuvia e «Bruxerías» na Praza de Galicia, darán comezo ás 22.30 horas nunha pantalla de grandes dimensións para este evento, con entrada de balde e organizado polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña.

A música será a protagonista da fin de semana, a través de varias propostas municipais: «Noites á fresca», «Espazo Verde e Verde que te quero verde». No primeiro dos casos as inmediacións da magnolia de Xuvia serán o escenario sobre o que se desenvolverán os concertos de Budiño&Novoa o venres 16 e de A Banda da Loba o sábado 17, en ambos casos a partir das 22.00 horas e coas entradas esgotadas. A iluminación do espazo contribuirá tamén a revalorizar a posta en escena desta nova edición do programa «Noites á fresca»

Espazo Verde

Outra das propostas nas que tamén estará presente a música, entre outras múltiples propostas, é Espazo Verde, un mercado de divulgación do comercio local no que xa están inscritos preto dunha vintena de postos locais.

Entre as 11.00 e as 00.00 o Parque do Río Freixeiro acollerá este evento, que comezará o sábado 17 coa apertura dos postos ás 11.00 horas e donde se sucederán ó longo do día as diferentes propostas recollidas no programa.

Tamén ás 11.00 dará comezo unha clase de ioga, á que se pode asistir levando unha esterilla; ás 14.30 terá lugar un concerto de Carlos Mosquera, «Mos» e de 15.00 a 16.30 retomarase a música con «The Duelist». Pola tarde ás 17.00 haberá unha festa para nenas e nenos con participación limitada e comezará unha masterclass de zumba e exhibición de hip hop e a última hora, de 20.30 a 22.00 horas actuará a formación «Lode» e de 22.30 a 00.00 horas «3D Band»

O domingo os postos de venda que participan en Espazo Verde reabrirán de novo ás 11.00 horas e o programa inclúe a esa mesma hora unha xornada de asesoramento nutricional e consellos sobre alimentación saudable; ás 12.00 un obradoiro de chapas con participación limitada; de 13.00 a 14.30 un concerto de «Isma Taboada» e de 15.00 a 16.30 outro de «Rocío Varela»

Pola tarde ás 17.00 horas haberá un obradoiro de slime con participación limitada; ás 19.30 unha masterclass de «Upa jump»; ás 20.00 unha exhibición de baile deportivo e de 21.30 a 23.00 horas un concerto do «Dúo Cortem». Todo isto completarase cunha oferta gastronómica para as dúas xornadas.

Para acudir como público poderase rexistrar previamente, de balde, na web:www.espazoverde.es 

O sábado, cita co folclore no Pazo

O sábado 17 ás 20.00 horas hai tamén unha cita musical no Pazo da Cultura, donde se celebrará a trixésima edición do Festival Internacional de Folclore. Este ano actuarán como anfitrións a Banda de Gaitas do Padroado e o grupo «Alxibeira», de Narón, e tamén se subirán ó escenario «Raíces do Perú», de Perú; «Illa de Pascua-Inanga Rapa Nui», de Chile e «Ballet Jammu», de Senegal.

Esta cita permitirá un ano máis achegarse tanto á cultura galega a través da música e vestimentas das formacións naronesas como das internacionais que se sumaron á convocatoria. As entradas están á venda no despacho de billetes do Pazo –de 9.00 a 14.00 horas- a un prezo de 3 euros para o público xeral e de de dous para abonados e persoas con tarifa reducida.

Finalmente, o domingo 18 de xullo terá lugar a terceira sesión do programa «Verde que te quero verde» cos espectáculos de Lydia Botana e Mad Martin Trío a partir das 12.30 horas na rúa Francisco Pizarro, na Solaina. A entrada tamén é de balde.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …