O paso por Pontedeume do Padre Sarmiento en 1745

José Fonte Sardiña
O nove de maio de 1745 inicia en Madrid o Padre Martín Sarmiento unha viaxe aGalicia que recollerá, a xeito de diario, nun libriño manuscrito de vinte pregos, nos que se interesa, como dirá despois na súa obra “Problema corográfico para descubrir a Galicia”, escrita en 1762, principalmente pola “Xeografía, a Historia Natural e a Lingua Galega»; eran os tres obxectos da miña curiosidade, por non estar ocioso en Galicia, aínda que fose a aquel reino co propósito de recrear o ánimo, divertirme e fortalecer a miña saúde, o que non impediu que pensase tamén en antigallas e algunhas observacións históricas. Copiei por min mesmo algunhas inscricións antigas romanas, suevas, góticas e galegas da Idade Media” [Tomado e traducido de José Luis Pensado (ed.): “Fr. Martín Sarmiento. Viaje a Galicia (1745)”, Salamanca, 1975, p. 12]. Como nos di o autor da edición que seguimos, José Luis Pensado, “así pois, Xeografía, Historia Natural e Lingua Galega son os obxectivos máis inmediatos da súa ‘Viaxe’. As inscricións e documentos, así como as moedas e noticias históricas, están ao servizo non  só da lingua, tamén da xeografía que, ao cabo, semella que rexe e define a historia” [Idem, p. 13] [Gravado do Padre Sarmiento realizado por Francisco Muntaner].

O día oito de agosto daquel ano, o Padre Sarmiento, desde o veciño concello de Miño,
chega a Pontedeume por “Andrade. Freguesía. E á dereita está o castelo ou torre, de
Andrade, que domina o val de Pontedeume, tan redondo coma Lemos e moi fermoso.
San Pedro de Vilar” [Foto de Ángel Cendón].

Martín Sarmiento sitúa Pontedeume a “tres légoas de Betanzos. Pasei a ponte, que é
estreita, case como a da Ponte do Porco, pero moi longa, pois seica ten sesenta e un
arcos, e toda está feita de pedra. Ao entrar nela, hai, a un lado un lobo [en realidade é un oso] de pedra. E á esquerda, un porco ou xabaril tamén de pedra cunha inscrición no lombo ben grande. Pareceume, ao pasar, que era unha inscrición romana, pero non o é.
Ao cruzar a ponte, a baía, que queda á esquerda, é moi semellante á de Pontevedra,
mirando desde a ponte a Mourente, e, á súa imitación, aparece rodeada por montes axeito de círculo, e neles está a Torre de Andrade. A ría de Pontedeume sobe ao nordés unha légoa e recibe o río Eume, e a outra légoa máis arriba fúndese co Eume o río Sesín e fai unha illa na que se atopa o Real Priorado de San Xoán de Caaveiro. Aquí fixen mediodía”.

Chega esa mesma tarde a Xuvia, onde pasa a noite no seu priorado, e ao día seguinte
visita Ferrol e regresa novamente ao mosteiro de San Martiño para durmir [Fotos de
Carmen Rodríguez Pena].

O día dez, luns, vixilia de san Lourenzo” [Aquí hai un pequeno erro na data xa que o
dez de agosto de 1745 fora martes e non se celebra a vixilia de san Lourenzo senón a
súa festividade] sae de Xuvia en viaxe de regreso e chega a San Martiño do Porto.
Aquí a granxa de bernardos sobre o lado boreal da vila ou ría de Pontedeume. Avístase a distancia, antes que o monte Faro, a punta e vila de Ares e, máis preto, a punta de Redes e, en fronte do lado oposto da vila, e sobre a vila de Pontedeume, vese o alto monte de Breamo, cuxo remate ao mar é o cabo de Centroña, que divide a ría de Pontedeume da de Betanzos, pois ata alí veñen as dúas unidas. Entre o monte Faro e o cabo de Dexo, e entre este e o castelo de San Diego, entra a ría da Coruña, que vai ao Burgo” .

Sitúa esta vez Pontedeume o Padre Martín Sarmiento, na viaxe de volta, a “dúas légoas
de Xuvia (pasando a ría). Fixen que se contasen os ollos da ponte; ten en total sesenta,
dos cales dez están na calzada. Detívenme ao acabar de cruzar a ponte para rexistrar os animais de pedra que vira cando pasara camiño de Xuvia” [Debuxos da antiga ponte realizados por Fernando Sarmiento, consonte o rigoroso estudo do profesor Correa Arias].

O oriental non é un lobo, senón un oso sen letras. O oriental é un xabaril ou porco
montés e ten no lombo gravadas seis liñas cunha inscrición, que, cando máis, será do
século XIV. O contido está en lingua galega, ao parecer; lese ‘ano de Jesuchristo’ e que se fixo a ponte en seis anos [Consonte a interpretación de Antonio de la Iglesia a
inscrición di: EN NA ERA DE MIL E CCCLXXX. ANO9 [TRESCENTOS OITENTA
ANOS], / DA NACENZA DE / NOSO SENOR IESU XUO [CRISTO] / POR ABRIL
COMEZADA E / ACABARONA EM SEIS AN9 [ANOS] ESTA / PONTE; cfr.
Antonio de la Iglesia: “El idioma gallego, su antigüedad y vida”, t. II, A Coruña, 1886,
p. 58].

Conta tamén que “a tradición di que os que a fabricaron tiñan nome alusivo aos dous
animais. Así e todo, outros aseguran que o conde de Lemos [refírese a Fernán Pérez de Andrade, que nunca foi conde, nin de Vilalba nin de Andrade, e moito menos de Lemos, xa que as casas de Andrade e Lemos non se funden ata 1576 e el morrera en 1397], afeccionado á caza, matara un xabaril e mais un oso terribles e que os mandou poñer alí en lembranza daquel feito, como tamén o fixo no seu sepulcro coa súa efixie en Pontedeume, que ten aos seus pés un can lebreiro”.

O sepulcro de Fernán Pérez de Andrade está na igrexa de San Francisco de Betanzos,
sostido por un oso e mais un xabaril, e presenta aos seus pés dous cans lebreiros.

Remata o relato do seu paso por Pontedeume dicindo: “Á esquerda, deixei a torre e o
castelo de Andrade” [O texto procede dunha copia manuscrita do orixinal, folios 59 v-
65 v, recollida por José Luis Pensado (ed.): Fr. Martín…, op. cit., p. 65-70, e foi
traducido por min á nosa lingua].

Lea también

Feijoo realiza la mayor inversión económica en la Sanidad Pública de Ferrolterra de la Historia

La Xunta invierte 9 millones de euros, 1500 millones de las antiguas pesetas, en dotar …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *