Narón-A alcaldesa asinou convenios de colaboración en materia social con Gaikai, Asperga e Cogami

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou os convenios de colaboración coa Asociación Galega de Asperger (Asperga) e coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), ambos en materia de acción social

O importe conxunto destes dous acordos supón unha achega económica por parte do Concello de 7.500 euros. A maiores, tamén asinou un novo convenio coa Asociación Gaikai, en materia de Mocidade, sen importe económico e que permitirá continuar dinamizando ao colectivo de rapazas e rapaces de Narón dende a Casa da Mocidade, lugar de encontro e información dende o que planificarán diversas actividades. A rexedora local asinou este último convenio coa representante de Gaikai, María Elisa Rojas e estivo tamén no acto o edil de Mocidade, Pablo Mauriz

Ferreiro asinou dixitalmente dous convenios, o da entidade Asperga coa representante da entidade, Rita Concepción González. Neste caso o acordo permitirá continuar desenvolvendo na cidade o programa de atención a persoas con síndrome de asperger, un trastorno do espectro do autismo que afecta ás relacións sociais.

A rexedora local recordou que ao igual que en anos anteriores, levaranse a cabo, entre outras propostas, obradoiros de ocio terapéutico, considerados de interese social de carácter singular dado o colectivo ao que se dirixen. En concreto realizaranse cinco: de rol, de escape room, de temática medioambiental, de creatividade e de emocións.

No que respecta ao convenio con Cogami, que Marián Ferreiro asinou con Anxo Antón, representante da citada entidade, tamén se manterá o compromiso do Concello de contribuír con programas de atención a persoas con discapacidade e promover o desenvolvemento social do colectivo na cidade.

A través deste acordo continuarase ofrecendo un servizo que dea resposta ás demandas de atención especializada ás persoas con discapacidade, tal e como figura no documento, con especial atención ás que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A alcaldesa destacou o labor que entidades como Asperga, e Cogami desenvolven a nivel xeral e, en particular, con persoas da cidade, e tamén o traballo que realizan dende Gaikai coas mozas e mozos de Narón.

«A atención ás persoas é fundamental e dende o Concello continuaremos apoiando o gran traballo que realizan neste ámbito asociacións como Asperga, Cogami e Gaikai, que prestan a atención e os servizos que precisan diferentes colectivos da cidade» destacou Ferreiro.

Lea también

Narón-David Pita presentou tres accións formativas do programa «Narón, produtos da ría»

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou este mércores, día 15 de setembro, no …