Narón-A alcaldesa asinou convenios na área de Acción Social

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou convenios de colaboración con entidades que traballan con diferentes colectivos do municipio por un importe que, en conxunto, alcanza os 49.500 euros.

A rexedora local rubricou os acordos cos representantes da Fundación Santo Hospital de Caridade, Alberto Manuel Lens; a Asociación de Pais de Persoas con trastorno de espectro autista (Aspanaes), Ignacio Labella; a Asociación Párkinson Ferrol, Raquel González; a Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, e a Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate.

A Fundación Santo Hospital da Caridade é unha entidade sen ánimo de lucro que atende a persoas con dificultades económicas e/ou en exclusión social coa que colabora economicamente dende hai varios anos o Concello naronés.

A través desa colaboración a entidade pon a disposición do Consistorio o albergue para acoller a persoas sen teito ou en situación de emerxencia por desafiuzamento, unha actuación que se coordina co Servizo Sociocomunitario de Narón.

O acordo rubricado coa asociación Aspanaes, entidade que atende a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e as súas familias, permitirá continuar desenvolvendo o programa de Información e asesoramento familiar a persoas con TEA de Narón.

En base ó convenio desenvolveranse actuacións como atención nos servizos de atención residencial e diurna do servizo de información e orientación de Aspanaes e información e asesoramento ás familias das persoas con TEA, entre outras.

O convenio coa Asociación Párkinson Ferrol dará continuidade aos programas que se desenvolven dende hai anos na cidade con esta asociación. En concreto, manterase o de mantemento das terapias dos usuarios de Narón, a través do que se atende a persoas con párkinson de Narón e/ou derivados dende o Servizo Sociocomunitario Municipal.

Este programa, tal e como figura no acordo, inclúe servizos de fisioterapia, logopedia, estimulación cognitiva, psicoloxía e grupos de axuda mutua.

Así mesmo, a alcaldesa asinou dos convenios co representante da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón. Un de carácter económico para manter o servizo de distribución de roupa, alimentos de primeira necesidade e artigos de aseo e hixiene ás familias máis vulnerables da cidade, que se atopan en situación de dificultades sociais ou/e económicas, e tamén as campañas de recollida, merca e reparto de xoguetes en Nadal e a «operación kilo».

A maiores, coa citada asociación tamén se asinou un convenio que permitirá á entidade continuar utilizando a nave anexa ó Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para facilitar á veciñanza da cidade o acceso aos recursos básicos que precisa, tal e como se estipula no acordo.

En canto á Asociación Sociocultural ASCM, en cuxo acto de sinatura acompañou á alcaldesa a edil de Benestar Social, Catalina García, o acordo permitirá ofrecer á cidadanía de Narón servizos como o de transporte adaptado, actividades psicosociais para traballar sobre as necesidades emocionais e afectivas de persoas con discapacidade e o seu entorno, convocar grupos de apoio virtuais, fomentar competencias creativas e innovadoras e tamén levar a cabo actividades de fomento de hábitos saudables, ao tempo que ofrecer información e asesoramento sobre temas vencellados coa discapacidade.

Dende o Concello destacouse o traballo que realizan estas entidades na cidade e tamén se valorou o esforzo que tiveron que realizar debido á situación sanitaria do último ano para manter en moitos casos os mesmos servizos que viñan prestando ou adaptalos ás necesidades e á situación de cada momento.

Lea también

Narón-A alcaldesa recibiu a integrantes do xurado do certame “Vilas en flor Galicia 2021”

Un ano máis o Concello presentouse ó certame «Vilas en flor Galicia 2021» unha iniciativa …