Narón-O pleno incorpora fincas para enlazar unha senda ciclista e peonil ós paseos de Freixeiro e Xuvia

O Concello de Narón acolleu este xoves, día 29 de xullo, ás 9.00 horas, o pleno extraordinario de finais de mes, no que o bipartito naronés –TEGA e PSOE- aprobou a inclusión no Inventario Municipal de Bens un total de 67 fincas expropiadas polo Concello para enlazar por unha senda peonil e ciclista ós paseos de Freixeiro e Xuvia e habilitar no tramo un área estancial.

Os terreos que pasan ó inventario suman unha superficie de preto de 32.000 metros cadrados. O Concello ultima estes días a adxudicación dun dos tramos desta senda, concretamente o localizado entre a rúa Conde de Fenosa e o camiño da represa do muíño de As Aceas, un proxecto orzamentado en 793.000 euros e cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desesarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020, enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) «Ría de Ferrol, Cidade 2020».

O traxecto comprendido entre as rúas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa acometerase con cargo a un investimento de 501.566 euros das arcas municipais, completando así esta intervención.

Na sesión plenaria da mañá deste xoves saíu adiante por unanimidade o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o Concello para a xestión e cofinanciamento da escola infantil de Xuvia.

O acordo estará en vigor dende o 1 de setembro deste ano ata o 1 de setembro de 2025 e en base ó  mesmo o Concello cede ó Consorcio o uso do inmoble destinado a escola infantil durante o citado periodo e tamén contribuirá ó financiamento dos gastos de funcionamento das instalacións. Esa colaboración económica suporá que o Consistorio transferirá anualmente ó Consorcio (entre 2021 e 2025) un importe de 1.500 euros ó ano por cada unha das prazas ocupadas por usuarios da escola infantil de Xuvia, tal e como se establece no documento.

Mocións

No apartado de mocións, o PP presentou unha relativa ás bocas de incendio exteriores do Concello e outra sobre o apoio do Xacobeo 21-22. A primeira rexeitouse, aportando dende o goberno local os pertinentes informes.

O portavoz de TEGA, Román Romero, solicitou a retirada desta moción «pola propia credibilidade do PP» que asegura na mesma que hai dúas bocas de incendio no polígono de Río do Pozo cando se contabilizan, tal e como recordou Romero, máis de cincuenta.

A moción de apoio ó Xacobeo 21-22 aprobouse por unanimidade da corporación local, polo que dende o Concello se instará á Xunta a desenvolver unha programación extensa e descentralizada, promovendo actividades por toda a comunidade e o Concello apoiará a celebración dos anos Xacobeos 21-22 no que respecta á proxección exterior de Galicia e rexeitará campañas contra o citado fenómeno ou de desconsideración ós peregrinos.

Os grupos municipais de TEGA e PSOE presentaron outra moción, -sobre a protección das persoas LGTBI, aprobada tamén por unanimidade e acordando declarar ó Concello como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ e comprometerse coas políticas públicas para promover e protexer os dereitos do colectivo. Neste apartado o portavoz do PSOE, David Pita, recalcou que «calquera ideoloxía que non respecte os valores democráticos non debería ter cabida»

O BNG levou ó pleno dúas mocións, unha para crear unha rede de feiras na cidade e fomentar a venda de produtos de proximidade, que non saíu adiante, e outra a prol da adhesión do Concello á rede Cidades que Camiñan que obtivo o respaldo de todos os grupos da corporación local. En base a esta última proposta cumprirase a Carta dos Dereitos do Peón, dándolles prioridade en todos os espazos da cidade, tal e como se contempla na moción.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que «dende o goberno de Narón cúmprense os dereitos dos peóns e temos unha gran sensibilidade en materia de accesibilidade, dotando os orzamentos e habilitacións de créditos de partidas para que a cidade sexa cada vez máis accesible»

Finalmente, fóra da orde do día e con carácter de urxencia aprobouse unha moción presentada por TEGA, PSOE e BNG para rexeitar o parque eólico Caaveiro promovido por Enel Green Power na comarca de Ferrolterra. O rexeitamento responde ós «impactos negativos» que a instalación pode derivar para a comarca en xeral e para Narón en particular, amosando os tres grupos políticos que presentaron a moción a súa oposición a que se instalen parques eólicos fóra das áreas de desenvolvemento do Plan Sectorial Eólico.

Así mesmo, solicítase á Xunta que elabore un novo Plan Eólico Sectorial en base a uns criterios específicos, entre eles, que a porcentaxe mínima de componentes se fabrique en Galicia e tamén se insta ó Goberno central a denegar as autorizacións deste tipo de instalacións que teña que tramitar que non se correspondan coas ADE establecidas no actual e posteriores plans eólicos de Galicia.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou finalmente que se están ultimando unha serie de alegacións ó parque eólico Caaveiro que se presentarán formalmente nos vindeiros días e lamentou o feito de que esta moción non se aprobase por unanimidade da corporación local.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …