Narón-O Concello acondiciona a contorna do Oenach Atlántico

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse á parroquia de Sedes con motivo do avance dos traballos de acondicionamento da contorna do Oenach Atlántico.

A rexedora local explicou que se están executando na campa do Trece «unhas obras orzamentadas en case 18.000 euros e que permitirán mellorar considerablemente as pallozas da zona, así como as súas inmediacións»

O proxecto consiste na restitución das pallozas e a colocación dun sebe perímetro de cubrición da contorna, de xeito que ofrecerá maior protección tanto aos elementos que alí se ubican como ás persoas que se acheguen á zona.

«Con estes traballos mellorarase o aspecto paisaxístico da contorna do Oenach Atlántico, un dos eventos culturais que a pesares de que nos dous últimos anos non se celebrou pola situación sanitaria, concentra unha gran afluencia de público» apuntou a alcaldesa.

Ó mesmo tempo, indicou, «acondiciónanse as pallozas e os elementos que se atopan no recinto, tanto os reservados para animais como as pallozas de teito cónico, conservando no mellor estado posible estas construcións moi típicas en Galicia e un dos sinais de identidade da nosa comunidade»

Nas pallozas circulares xa se procedeu á reparación do teito cónico, restituíndo o breixo e colocando un plástico separador impermeable. No que respecta ós espazos reservados para gardar animais, tamén se está levando a cabo a reparación do teito, que será de breixo, ao igual que nas cónicas.

A maiores, o proxecto inclúe a retirada da entulleira de restos de sebe existente e procedeuse á plantación de loureiros, de aproximadamente un metro de altura, que separarán fisicamente as diferentes áreas e darán unha maior sensación de privacidade á contorna, tal e como figura no proxecto.

«Unha vez rematados estes traballos, que se están ultimando estes días, a campa do Trece terá un aspecto totalmente renovado» recalcou Ferreiro.

A alcaldesa recordou «a aposta do goberno local por conservar este tipo de espazos, que son unha referencia e un recoñecemento ao traballo realizado polos nosos ancestros e á nosa cultura en xeral»

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …