Narón-Este «finde» Festival da cultura viaxeira «Gulliver Fest»

A área recreativa de Pedroso acolle dende a tarde deste venres, día 6 de agosto, ás 16.00 horas, unha nova edición do Festival da cultura viaxeira Gulliver Fest. A programación deste evento, organizado polo Concello de Narón e a Asociación FurgoGalicia, sucederase ata o vindeiro domingo, día 8, co aforo completo tanto para as actividades convocadas como para a acampada e a zona camper, ó ser obrigatorio rexistrarse previamente.

A música será a gran protagonista na tarde deste venres, cos concertos de The Soul Jacket e Kumpania Algazarra, ás 20.00 e 22.00 horas respectivamente.

O sábado

O programa continuará desenvolvéndose o sábado, dia 7, a partir das 9.00 horas, cunha actividade de orientación e cunha clase de ioga que dará comezo ás 9.30 horas, podendo inscribirse para participar nesta última mañá na zona da actividade. Ás 12.00 horas actuará Gramola Gominola e ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú, a cargo do grupo Espantallos. Xa pola tarde, ás 16.00 horas haberá unha actuación para público familiar e infantil, con Circanelo, e a esa mesma hora darán comezo as Charlas viaxeiras, un dos espazos máis representativos da programación.

Baby Van Blog, Mochileros VC, Los López x el mundo e Leti Lagarda contarán ós asistentes as súas experiencias viaxeiras polo mundo, repasando anécdotas e vivencias e amosando imaxes da súa visita a numerosos países, nalgúns casos en solitario e noutros en familia. Ás 16.30 horas dará comezo un obradoiro de creación de chapas do festival e ás 18.00 horas iniciaranse os concertos do sábado, coa actuación de Fanfarria Taquikardia, para continuar ás 20.00 horas con Carla Green & The Demons e ás 22.00 horas con La Regadera.

O domingo

O domingo retomarase a programación cunha clase de ioga que dará comezo ás 9.30 horas e tamén se levará a cabo, dende as 10.30 horas, un obradoiro para camperizar furgonetas. Ás 11.00 horas haberá unha competición de xogos tradicionais; ás 11.30 horas un obradoiro con The social Water; ás 12.30 horas actuarán Los guardianes del rock e pechará o Gulliver Fest a sesión vermú de Jin Tony´s Son Band, ás 13.30 horas.

A Biblioteca municipal de Narón terá un espazo propio neste festival da cultura viaxeira, habilitando na área recreativa de Pedroso un espazo de lectura e donde se poderán ver tamén varias publicacións relacionadas coas viaxes.

A música, as viaxes, a literatura e as actividades na natureza son un ano máis os sinais de identidade do Gulliver Fest de Narón, un evento pensado para persoas de todas as idades en nun dos enclaves máis característicos da cidade.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …