Narón-“XII Concurso de Fotografía Cidade de Narón”

O Concello de Narón abre o 1 de setembro –ás 08.30 horas– e ata o vindeiro 15 de setembro –ás 13.00 horas– o prazo para presentar no Rexistro do Concello imaxes á duodécima edición do «Concurso de Fotografía Cidade de Narón»

Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que indicou que as bases do certame ao completo se poden consultar a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-XI-Concurso-de-Fotografia-Cidade-de-Naron.pdf.

Poden participar, de balde, todas as persoas maiores de idade que o desexen. A edil naronesa recordou que se entregarán tres premios, de 750, 300 e 150 euros á primeira, segunda e terceira fotografía, respectivamente, mellor valoradas por un xurado especializado que se encargará de puntualas atendendo aos criterios establecidos nas bases.

As fotografías deben amosar a riqueza de Narón, podendo centrarse a súa temática en varios campos: humano e social, ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares: espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico.

O lugar ou entorno debe ser do concello de Narón e recoñecerse como tal na imaxe presentada. Cada participante poderá presentar como máximo tres imaxes, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases da convocatoria.

Á hora da puntuación das fotografías o xurado valorará cun máximo de dez puntos tres criterios: o impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade. As doce imaxes que reciban maior puntuación ilustrarán, como cada ano, o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2022.

As persoas interesadas en recibir información adicional sobre este concurso de fotografía poden dirixirse aos correos electrónicos: am.veiga@naron.es e a.fernandez@naron.es ou chamando ós números de teléfono: 981 337 700 (extensións: 1502 e 1517)

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …