Narón-Cursos para a obtención do permiso de condución de autobús, camión e tráiler

O Concello de Narón convoca un curso de Preparación para a obtención do permiso de condución D (autobús) con CAP inicial de viaxeiros e outro de Preparación para a obtención do permiso de condución C (camión) e E (tráiler) con CAP inicial de mercadorías.

O prazo para inscribirse abrirase o vindeiro luns, 16 de agosto, ás 8.30 horas e rematará o 23 de agosto ás 13.00 horas, tal e como anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida.

A edil naronesa incidiu en que estas accións formativas incorporan unha medida de acción positiva, polo que terán prioridade as mulleres á hora de realizalos. Hermida explicou que no caso do curso para obter o permiso de condución de autobús o alumnado deberá ser maior de 24 anos e no de camión e tráiler ser maior de 21.

Así mesmo, nos dous casos é preciso que teñan en vigor o permiso de condución B, ter superado o correspondente psicotécnico, estar desempregado e empadroado no Concello de Narón.

Ambos cursos terán unha duración de 260 horas cada un e impartiranse na sede da Autoescola Anpidriver, na Gándara (rúa Concepción Arenal, 73, Narón) entre o 13 de setembro e o 29 de novembro deste ano, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

Ofértanse un total de oito prazas para cada un dos cursos e das 260 horas un total de 130 correspóndense coa formación teórica presencial para a preparación do CAP; 12 clases serán prácticas de condución (incluídas as dos exames) e 118 horas serán de formación para os permisos D ou C e E (incluídas as de presentación aos exames oficiais).

A edil naronesa explicou que será de balde para o alumnado o pago das taxas de exames teóricos/pistas e circulación para o carné D e tamén para os C e E, segundo o curso, e as taxas de expedición e exames teóricos do CAP inicial obrigadas por Tráfico (sen incluír a renovación, só unha convocatoria) e o alumnado deberá abonar o pago do psicotécnico e o requerido polo centro de exames.

As persoas interesadas deben presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello, de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica de Narón ou a través do resto de medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …