Narón-Incorporación de nove persoas perceptoras da RISGA para realizar obras e servizos

O concelleiro de Servizos do Concello de Narón,  Ibán Santalla, informou da contratación dun total de nove persoas en situación de risco ou exclusión social perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e que xa están desenvolvendo diferentes labores na cidade.

O edil manifestou a benvida ós homes e mulleres que, na primeira xornada, recibiron formación en Prevención de Riscos Laborais para traballar xa nas áreas que lles foron asignadas durante os vindeiros nove meses, período de duración destes contratos.

Ademáis incidiuse na importancia de «cumprir todas as medidas hixiénicas e de seguridade establecidas para a prevención do coronavirus, facendo uso do material que se lles proporcionará dende o Concello»

«Estas persoas realizarán traballos de desbroces, traslado e mantemento de mobiliario, mantemento de edificios municipais e colexios de educación infantil e outros traballos complementarios, e unha delas exercerá como capataz do grupo, organizando o labor diario de cada persoa» explicou Santalla.

Os custes salariais destes contratos asúmeos a administración autonómica, con competencias nesta área, debendo estar vencellados á realización de obras e servizos de interese xeral e utilidade social, tal e como figura na convocatoria do Diario Oficial de Galicia

O Concello de Narón acóllese cada ano á citada convocatoria «entendendo que é unha iniciativa que promove a inserción laboral dun colectivo moi concreto e que, na última convocatoria, rematou para varias persoas coa consecución dun emprego a máis longo prazo» apuntou Ibán Santalla.

Lea también

Narón promociona o turismo, cultura e gastronomía local en Expocidades en Ferrol

O Concello de Narón participa en Ferrol cun expositor propio na sexta edición da Feira …