Narón-Reabre ó público as instalacións do Centro Comunitario das Vivendas da Mariña

O Concello de Narón reabriu este mércores, 1 de setembro, ó público as instalacións do Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, que se manterá operativo dende as 9.30 ata as 21.00 horas para o servizo de cafetería e de 13.00 a 15.00 para o de comedor social.

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, recordou que se ben o servizo de cafetería permanecía pechado pola Covid-19, o de comedor continuouse prestando dende o inicio da pandemia (excepto durante unha semana) coa entrega de comidas a domicilio ou a recollida no propio centro.

Unha trintena de persoas fan uso do servizo de comedor do Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, que inclúe dous pratos, postre e pan por un prezo de 6,55 euros por día se se adquire todos os días da semana ou de 7,15 no caso de solicitalo en xornadas soltas.

Unha decena de persoas acudiron xa hoxe ás instalacións a comer, cumprindo en todo momento a normativa da Covid en canto ás distancias e uso de máscara, entre outras medidas. «Quero animar ás usuarias e usuarios das instalacións a que acudan ás mesmas con total confianza, xa que se cumpren os protocolos derivados da actual situación sanitaria e é unha oportunidade para que retomen de novo unha rutina anterior á pandemia na que poder relacionarse con outras persoas» indicou García.

O servizo diríxese á cidadanía en xeral, se ben teñen preferencia as persoas maiores derivadas dende os Servizos Sociais do Concello de Narón, tal e como recordou a edil de Benestar Social. Aquelas persoas que desexen facer uso do mesmo poden informarse ou anotarse chamando ó número de teléfono 671 383 596

Lea también

Narón-A compañía Pentación Teatro representa a comedia «Viva la Pepa»

O Pazo da Cultura acollerá este sábado, día 23 de outubro, ás 20.00 horas, a …