Ramiro Fonte, o nome ideal para o recital poético das Festas das Peras

José Fonte Sardiña
Un sete de setembro de 1957 nacía en Pontedeume Ramiro Fonte. Como nos conta no terceiro libro da triloxía “Vidas de infancia”, “As pontes no ceo”, “á hora da sesta escoitáronse na plazuela os meus primeiros berros […]. Os mómaros, ben mareados despois da súa primeira saída, folgaban na fresca e amigable penumbra do portal do Consistorio” (Ramiro Fonte: “As pontes no ceo”, Vigo, 2007, p. 498).

Xa no primeiro libro da triloxía, “Os meus ollos” comentara, a xeito de augur, que “na casa sempre se dixo que eu nacín cos mómaros. Descoñezo se querían suxerir que este feito me facía depositario das mellores expectativas. Como se as coincidencias entre a posición dos astros, as dores de parto dunha muller e a saída dos mómaros marcasen o meu destino.
Un biógrafo de tenruras locais, iso é o que eu chegaría a ser no futuro. E todo por nacer no primeiro día das festas. Pensándoo ben, unicamente podo considerarme un honesto amanuense a quen o dramaturgo eterno lle vai ditando as vidas de todos.
Correspóndeme a min facer o labor de clarificar o estilo, non vaia ser que as historias se volvan ilexibles, que os retratos saian velados, que non se recoñezan neles nin os vivos nin os mortos” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 349).

Ese mesmo día, ben que sesenta anos despois, para celebrar o seu aniversario, o
Concello de Pontedeume presentou na Casa da Cultura, na que tantas veces xogou o
poeta sendo un neno, cando era o fogar do seu amigo Euloxio, a exposición “Unha
mirada a Pontedeume desde os ollos de Ramiro Fonte”, coordinada pola súa irmá Chus Fonte e na que Felipe Galego puxo as fotos e eu elixín os textos entre a fecunda obra do noso bardo para as acompañar.

O nove de setembro dese 2017, nun solemne pleno presidido por Bernardo Fernández
Piñeiro, no que o propio alcalde interveu como voceiro do grupo socialista, e Ascensión de Vicente Olarte e Ana Veira García falaron no nome do grupo popular e o BNG, respectivamente, a corporación municipal acordou por unanimidade que a biblioteca de Pontedeume pasase a chamarse Biblioteca Pública Municipal Poeta Ramiro Fonte.

Ese mesmo día presentábase no salón de actos da Casa da Cultura de Pontedeume a
reedición do primeiro libro de Ramiro Fonte, “As cidades da nada”, publicado pola
Editorial Trifolium por iniciativa da irmá do poeta Chus Fonte, nun acto no que
interviñeron o escritor Ramón Loureiro, o secretario xeral de Cultura da Xunta de
Galicia Anxo Lorenzo e o alcalde de Pontedeume Bernardo Fernández Piñeiro.

Como colofón da conmemoración deste sesenta aniversario do seu nacemento, nunha
praza de San Roque, popularmente chamada da Calzada, chea de xente e sen coches,
como sempre tería que estar, celebrouse o Recital Poético Ramiro Fonte, coa
participación da Coral Polifónica Eumesa, os alumnos da Escola Unitaria de Ombre e
do Colexio Couceiro Freijomil, o meu mestre Fernández Abella ―considerado o
decano dos poetas galegos por Xesús Alonso Montero, que fora director da Real
Academia Galega, que pediu no acto, nun soneto, un Día das Letras Galegas para
Ramiro Fonte cando se cumprisen os dez anos do seu pasamento―, María José Allegue Otero, Xosé Abeledo, Alejandra Bellón e Eva Veiga.

En anos sucesivos o acto pasou a celebrarse no claustro do vello convento agostiño,
hoxe convertido en Casa da Cultura, e a chamarse Recital Poético Pontedeume,
perdendo o nome do noso bardo, que, así e todo, nunca deixou de estar presente nel.
Capitaneados por Eva Veiga, un diverso grupo de poetas das vellas Terras Ártabras foi
deixando a súa pegada literaria nas Festas das Peras e reivindicando un Día das Letras
Galegas para Ramiro Fonte.

Neste 2021, cando se cumpre xa un lustro da primeira celebración, o Concello de
Pontedeume decidiu recuperar, e esta vez parece que para sempre, o nome de Recital
Poeta Ramiro Fonte e marcouse como obxectivo convertelo en vindeiras edicións “nun
referente expositor e impulsor da creación poética a nivel autonómico e estatal”.

Ademais, anunciou tamén que o vindeiro ano creará o Premio de Poesía Poeta Ramiro
Fonte, dotado economicamente, para apoiar e “fomentar as novas voces creativas tantoen galego como en castelán”.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …