Narón-A Escola de Participación Cidadá celebra a xornada «O territorio facémolo nós»

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recordou que a Escola de Participación Cidadá de Narón retoma este mes a súa actividade coa xornada «O territorio facémolo nós» que terá lugar o vindeiro venres e sábado en Xuvia. A proposta diríxese ao tecido asociativo da cidade e deseñouse como unha «xornada de convivencia e aprendizaxe» A AVV Altea de Xuvia e a ANPA do CEIP Ponte de Xuvia colaboran nesta xornada, impulsada a través do Concello.

O venres día 10 haberá un faladoiro sobre «As comunidades na planificación do espazo público» (de 18.00 a 20.00 horas no CEIP Ponte de Xuvia). O politólogo e técnico no grupo de investigación RedeRevolta da USC Fran Quiroga e representantes da Asociación Veciñal de Canido, que promoveron unha horta comunitaria no seu barrio, intervirán neste primeiro faladoiro, no que tamén intervirá un técnico do servizo municipal de Urbanismo do Concello de Narón. Ó remate deste faladoiro iniciarase un debate no que poderán participar todas as persoas que asistan.

O segundo día, o sábado 11, terá lugar a parte práctica, na que os participantes experimentarán un pequeno proceso participativo en relación ao territorio «Do desexo ao deseño urbano: obradoiro camiñado». Ás 11.00 horas haberá un paseo pola beira da ría, ao que seguirá un obradoiro de elaboración de maquetas.

As persoas que desexen asistir deben anotarse previamente, de balde, a través do formulario dispoñible en: i.gal/territorionaron. No caso de ter algunha dúbida sobre esta xornada ou querer solicitar máis información pódese chamar ao teléfono da Escola de Participación Cidadá de Narón: 603 865 413 ou escribir un correo electrónico á dirección: escolaparticipacion@naron.es.

Lea también

Narón acollerá ‘Entreterras’, o novo directo de SonDeSeu

A primeira cita con Entreterras será o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo, …