Narón-Colaboración coa Asociación Diabéticos Ferrolterra no programa “Os Camiños da Diabetes”

As edís de Turismo, Natalia Hermida, e Benestar Social, Catalina García, presentaron esta mañá xunto co presidente da Asociación Diabéticos Ferrolterra, José Manuel García, o programa «Os Camiños da Diabetes» organizado con motivo do Xacobeo 2021.

A iniciativa, cun total de sesenta prazas (unha vintena para cada fin de semana) dará comezo este sábado e permitirá ós participantes recibir a Compostelana tras percorrer cen quilómetros do Camiño de Santiago.

O presidente da Asociación de Diabéticos Ferrolterra explicou que o sábado partirán de Piñeiros ás 8.00 horas en bus cara ó punto de partida do primeiro tramo, en Lourenzá, dende donde se dirixirán a Mondoñedo, para pernoctar e saír o domingo ata Abadín. A segunda fin de semana (18 e 19 de setembro), indicou, sairán de novo dende Narón camiño de Sarria para ir a Portomarín e partir o domingo cara a Palas de Rei e a última fin de semana (25 e 26 de setembro) o colectivo irá en bus ata Caldas de Reis para ir a Pontecesures e rematar o programa en Compostela o domingo.

«Nestas tres fins de semana consecutivas percorreremos tramos do Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Portugués» explicou José Manuel García. Así mesmo, subliñou que nas xornadas dos sábados se realizarán tamén actividades de sensibilización para identificar os síntomas da diabetes e a importancia de previr esta enfermidade con hábitos de vida saudables e tamén se programou algunha actuación nocturna (maxia, jazz…) con grupos de cada zona.

Os participantes percorrerán a pé tramos do Camiño dos concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Caldas de Reis e Pontecesures ata chegar a Compostela e estarán acompañados por profesionais que irán destacando os lugares de interese medioambiental e patrimonial.

O Concello colabora con este proxecto da Asociación Diabéticos Ferrolterra (con sede na cidade) subvencionado pola administración autonómica.

As edís naronesas felicitaron á asociación por este proxecto, incidindo en que se trata «dunha proposta moi interesante e moi completa pola súa repercusión económica e, ao mesmo tempo, pola difusión do traballo da asociación e a promoción de propostas culturais». Así mesmo, agradeceron o labor que desenvolven ó longo do ano e amosaron a súa satisfacción polo feito que unha entidade como a Asociación Diabéticos Ferrolterra teña a súa sede na cidade.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …