Narón-Reforzo do servizo de limpeza dos centros de ensino con motivo do inicio escolar

O inicio do curso escolar 2021-2022 levou ó Concello de Narón a reforzar o servizo de limpeza e desinfección nos centros nos que estas tarefas son da súa competencia.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que «a evolución da situación sanitaria permitiu aliviar considerablemente as medidas con respecto ó pasado curso pero aínda así é moi importante extremalas ó máximo para evitar posibles contaxios en espazos como os centros de ensino coincidindo coa apertura das aulas»

Ferreiro recordou que o Concello ten as competencias na limpeza dos colexios da Solaina, A Gándara, Ponte de Xuvia, Piñeiros, e nas escolas do Val, Domirón, Sedes e San Xiao. «A maiores dos traballos de limpeza que se viñan facendo regularmente, coincidindo co inicio do curso incrementamos nunhas 400 horas mensuais as destinadas á desinfección dos espazos e mobiliario de uso común, como son os accesos, baños, bancos…» indicou.

Os traballos axústanse a protocolos específicos e realízaos (en horario de mañá) persoal que percibe a Renta de Integración Social (Risga) e outro vencellado á contratación dunha empresa de limpeza.

O protocolo

O protocolo da Xunta de Galicia para centros educativos con respecto á covid-19 contempla o feito de poder reducir nun tercio a limpeza xeral diaria (en horario de tarde) para prestar os servizos de reforzo e desinfección durante a mañá.«O que fixemos no Concello de Narón para que non se produza un deterioro da limpeza xeral, é prestar este servizo a maiores da limpeza ordinaria que se viña facendo nos centros, reforzándoo e ofrecendo deste xeito maiores garantías sanitarias tanto ó alumnado como ó persoal que traballa nos colexios nos que se encarga o Consistorio da limpeza» subliñou a alcaldesa.

Así mesmo, en canto ós protocolos de limpeza pola covid-19 Ferreiro recordou tamén que se mantén o reforzo da limpeza en todos os edificios municipais: Concello, Biblioteca, Centro de Formación Irmás Froilaz… «e no caso das instalacións deportivas tamén se aplicará un protocolo específico de cara á reapertura da piscina da Gándara en determinados horarios e en función das necesidades»

«Debemos continuar extremando todas as medidas preventivas para seguir avanzando na desescalada dun xeito seguro, ofrecendo as máximas garantías e apelando tamén á responsabilidade individual para evitar posibles contaxios pola covid-19» subliñou a rexedora local.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …