Narón-Este sábado haberá tres espectáculos con motivo da «Festa do Apego»

O parque do Río Freixeiro será o escenario este sábado, día 18 de setembro, dos tres espectáculos programados polo Concello de Narón con motivo da celebración da «Festa do Apego».

Esta cita, tal e como recordou a edil de Ensino, Mercedes Taibo, diríxese a menores de 0 a 6 anos e ás súas familias e ofrece unha serie de propostas, todas elas de balde, que se desenvolverán en horario de mañá e tarde.

A primeira das citas é o espectáculo «Arrolos» de Mamá Cabra, con dous pases, o primeiro a partir das 12.00 e o segundo ás 17.00 horas. Gloria Mosquera e Diego Maceiras protagonizarán un obradoiro no que interpretarán algúns arrolos para adormecer, aleitar e gozar coa música nos primeiros días e meses de vida das nenas e nenos.

Ó mediodía e pola tarde continuará a Festa do Apego co espectáculo «Arrieira» de Xarope Tulú. Os pases programados serán ás 13.00 e ás 18.00 horas e durante os mesmos unha narradora e un músico farán viaxar aos asistentes a través do conto tradicional, poñendo de manifesto a importancia do camiño como aprendizaxe e punto de encontro das persoas que o atravesan.

A última das propostas desta convocatoria dará comezo ás 19.00 horas e será o espectáculo «Rockeando con Ramona Órbita» de Pakolas. Pechará o programa este concerto no que se escoitará a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ó futuro e ó pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas.

Dende o Concello anímase ás familias a participar deste evento, para compartir experiencias e desfrutar dunha xornada de lecer.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …