Narón-O Concello abre o prazo de inscrición nos obradoiros do proxecto “Abrindo Camiños”

O Concello abrirá este luns, 20 de setembro, o prazo de inscrición nos obradoiros do proxecto “Abrindo camiños”, sobre acción socioeducativa con menores en situación de vulnerabilidade social. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, indicou que esta iniciativa se dirixe a alumnado de centros educativos de Narón cursando ESO
ou FPBI derivados do Servizo Sociocomunitario Municipal.

A edil avanzou que se ofertan un total de 24 prazas e que cada un dos grupos acudirá ás sesións, na Casa da Mocidade, un día á semana durante dúas horas. Os grupos serán os mércores de 18.00 a 20.00, os venres de 16.00 a 18.00 e os venres de 18.00 a 20.00 horas. “Trátase dunha proposta de balde na que se abordan contidos como o apoio escolar, a activación saudable, actividades de lecer e tempo libre, educación en habilidades sociais, apoio, orientación e intervención familiar”, explicou García. Así mesmo, recalcou que o obxectivo deste programa é “satisfacer as carencias básicas e potenciar as capacidades dos participantes para lograr a súa plena inserción social,
desenvolvemento e integración, ao tempo que fomentar entre eles hábitos saudables cos que mellorar a súa autoestima, as relacións coas súas familias e a súa calidade de vida en xeral”.

Os obradoiros desenvolveranse dende o vindeiro mes de outubro ata decembro deste ano. As persoas interesadas en inscribirse deben presentar as solicitudes –ata esgotar prazas- no Rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por calquera dos restantes lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Narón. As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ao teléfono 981 337 700 (extensións: 1111, 1108 e 1109).

Lea también

Conferencia sobre «Nenos con altas capacidades, o reto de educalos» en Narón

O Concello de Narón organiza en colaboración coa Asociación Áurega (Asociación de Familias de nenos …