Narón-Formación para obter o nivel cualificado de aplicación de produtos fitosanitarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira en Narón un curso sobre o nivel cualificado da aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios

Cunha duración de 37 horas ó longo de oito días, a acción prolongaranse dende o luns 27 de setembro ó mércores 6 de outubro na sede da cooperativa do Val e impartirase en horario de tarde.

A iniciativa, que será impartida pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, está dirixida a usuarios profesionais de fitosanitarios que teñen o carné de nivel básico necesario para exercer esta actividade en Galicia e no resto de España e que queren ampliar coñecementos.

Tamén ás persoas con responsabilidades na aplicación e na comercialización deste tipo de produtos, capacitándoas para proporcionar a información axeitada sobre o seu uso, os seus riscos para a saúde e o medio ambiente e as instrucións para mitigar ditos riscos.

Así, no programa constan contidos sobre pragas e enfermidades dos cultivos e sobre os métodos de control máis axeitados, sobre os distintos produtos fitosanitarios e sobre a súa secuencia correcta de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación.

Ó tempo, incidirase en conceptos como a perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, a súa dosificación, os equipos apropiados para a súa aplicación e a normativa relacionada, ademais da rastrexabilidade e das estratexias e técnicas para a xestión integrada de pragas.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. 

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que se pode consultar no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ó enderezo electrónico alejandro.martinez.verez@xunta.gal.

Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ó teléfono 981337044

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …