Narón-Proxección de «Sempre Xonxa», primeira película do Ciclo de cine en galego

O Ciclo de cine en galego organizado polo Padroado da Cultura do Concello de Narón e o Cineclube Serie B comeza este xoves, día 23 de setembro,no Pazo da Cultura.

A primeira das proxeccións será a da película «Sempre Xonxa» (1989), dirixida por Chano Piñeiro, a partir das 20.00 horas e con entrada de balde, podendo retirarse no despacho de billetes do Pazo.«Sempre Xonxa» foi a primeira película galega rodada en 35 milímetros e aborda o tema das consecuencias emocionais da emigración. Unha muller, Xonxa, e dous homes, Pancho e Birutas, son os protagonistas desta historia na que o espectador coñecerá a súa relación dende a infancia, nunha aldea galega, ata a madurez.

O Ciclo de cine en galego inclúe a proxección doutras tres películas: o vindeiro 30 de setembro poderase ver «A illa das mentiras» (2020), dirixida por Paula Cons e galardoada con cinco premios Mestre Mateo, incluído o de Mellor dirección; o 7 de outubro proxectarase «Dhogs» (2017), dirixida por Andrés Goteira, e que foi a película máis premiada dos premios Mestre Mateo, con trece galardóns e, finalmente, o 14 de outubro poderase ver «Eroski Paraíso» (2019), dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, galardoada nos Mestre Mateo nas categorías de mellor protagonista feminino e masculino.

A convocatoria deste Ciclo de cine galego é unha aposta do Concello de Narón por poñer en valor o traballo que se está realizando en Galicia na sétima arte, con recoñecidos profesionais e incomparables localizacións.

A Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a Xunta de Galicia colaboran tamén nesta iniciativa.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …