Narón-Apertura do prazo para participar no Concurso de elaboración da «Tarta de Narón»

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a apertura do prazo, este venres, día 24 de setembro, para presentarse ó concurso organizado polo Concello de Narón para elaborar a «Tarta de Narón»

Ferreiro estivo acompañada pola edil de Turismo, Natalia Hermida, para explicar os contidos deste certame a través do que se elaborará «un doce propio da cidade, que represente as características gastronómicas e culturais de Narón e cunha receita que na medida do posible inclúa ingredientes e técnicas propias desta zona».

As persoas interesadas en participar deben presentar as súas propostas en trinta días naturais (contados a partir do venres) podendo consultar as bases ó completo a través do enlace:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/09/20/2021_0000006884.pdf.

Os trámites poden realizarse dende as 00.00 horas deste xoves, día 23, a través da Sede Electrónica de Narón sedeelectronica.naron.es no apartado de Actividades-Concursos.

A rexedora local explicou que poden participar as persoas maiores de idade, profesionais da pastelería, restauración e, en xeral, do mundo gastronómico que estean empadroados no Concello de Narón con actividade profesional noutro concello nos últimos dous anos ou con actividade profesional no concello de Narón nos últimos dous anos. Nas bases especifícase que a elaboración debe ser de produción propia, podendo cada participante presentar unha única tarta e debendo ter como ingrediente protagonista as noces.

Entre as características da Tarta de Narón tamén está que teña un peso de entre 800 gramos e un quilo, que entre nun embalaxe cunhas dimensións específicas, que se poida transportar sen refrixeración e que teña un período de conservación superior a dez días.

«En Narón contamos cunha gran variedade de profesionais do sector, coa experiencia e os coñecementos precisos para participar neste concurso e gustaríanos que se presentasen para poñer en valor a riqueza pasteleira da cidade» apuntou Ferreiro.

A alcaldesa subliñou tamén que «dende o Concello promocionaremos unha tarta propia que será tamén un reclamo turístico e gastronómico que dará a coñecer a cidade fóra do noso territorio»

O concurso repartirá 2.100 euros en premios, concedéndose 1.200 á persoa que elabore a tarta que seleccione o xurado como gañadora e 600 e 300 ás que reciban a segunda e terceira mellor puntuación, respectivamente.

O aroma e sabor, o emprego de produtos da contorna, o aspecto visual, a orixinalidade da proposta e a orixe cultural ou etnográfica da proposta son os aspectos que valorará o xurado. En canto á composición do mesmo, integrarano: unha cociñeira ou cociñeiro profesional, unha pasteleira ou pasteleiro, un profesional da área de Formación e un representante do Concello, este último con voz pero sen voto

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …