Narón-A executiva do PSOE reclama á Xunta investimentos nos centros de ensino e máis prazas de comedor

A executiva do PSdeG-PSOE de Narón remitiu unha solicitude á Consellería de Educación para que se poñan en marcha as medidas necesarias para solucionar as importantes deficiencias que presentan os centros de educación pública e o servizo de comedor no municipio.

Comedores

Ante as “denuncias xa intolerables” da comunidade educativa de Narón, a executiva socialista reclama ao Goberno galego que solucione as súas queixas e requirimentos.

 «É urxente dotar ao centro público de Piñeiros dun comedor escolar que facilite a conciliación das familias desta parroquia naronesa. Se está a producir un agravio comparativo con outras zonas ou colexios”, denuncia o secretario xeral da Agrupación do PSdeG-PSOE , David Pita, xa que a única solución que se facilita ás familias é “derivalas a centros concertados”, dificultando así o acceso ao ensino público na zona.

«As prazas nos comedores escolares da maior parte dos centros do municipio son insuficientes e é urxente amplialas«. Pita explica que “nalgúns casos se chega ao dobre das mesmas para atender aos alumnos e alumnas, que quedan fóra por mor de ser o primeiro ano de curso ou por motivos de renda”.

A executiva socialista de Narón tamén urxe á Xunta a mellorar a calidade dos menús que se ofrecen nos comedores escolares e pide que se instalen cociñas nos propios centros. “A comida dos comedores está a ser unha auténtica vergoña. Está fría e é incomestible”, censura o secretario xeral dos socialistas de Narón.

Pita explica que as bandexas que se serven no comedor saen ás 10.00 horas da empresa que as elabora e percorren 100 quilómetros de distancia para logo servila ás 14.00 horas. Ademais, os pratos son escasos, con produtos conxelados e da peor calidade, xa que se empregan carnes e pescados de descarte. “Onde está o lema de Galicia Calidade, o produto galego como marca da nosa comunidade autónoma que tanto vendemos por todo o mundo, e o produto local que non se lle está a dar aos nosos nenos e nenas”, lamenta David Pita.

«A Xunta de Galicia debe asumir o programa de madrugadores na totalidade dos centros de ensino infantil e de educación primaria de Narón. Un servizo que poucos centros ofreceron durante a pandemia e que é básico e imprescindible para o crecemento da poboación e a conciliación diaria».

Infraestruturas e novos centros

No referente ás infraestruturas dos centros de educación, as socialistas e os socialistas de Narón esixen á administración autonómica que leve a cabo a reforma da totalidade dos baños dos centros do municipio. Acumulan máis de 50 anos de uso e os problemas que presentan son constantes con atoamentos e inundacións. Tamén se debe acometer o arranxo dos tellados dos centros que o requiren.

Narón debe contar cun centro de Formación Profesional que inclúa as distintas ramas profesionais demandadas polo tecido produtivo da localidade, como é a loxística ou comercio internacional.

Ademais, a parroquia máis poboada de Narón, o Alto do Castiñeiro, precisa dun centro educativo para unha atención educativa con ratios de non máis de 20 alumnos por aula.

O Goberno galego debe facilitar tamén os desprazamentos en transporte público. “As liñas de bus aos centros de educación postobligatoria de Narón non teñen comunicación cos barrios do noso municipio é imprescindible implantar unha liña circular que conecte as parroquias cos institutos, e demais necesidades básicas da cidadanía como Correos, Centro de saúde e o Concello”, reclama Pita.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …