Narón-Feira de desenvolvemento rural e medio ambiente «Rexenera Aventunarón»

O recinto feiral do Trece, en Sedes, acolle dende este venres, día 1 de outubro ata o vindeiro domingo a Feira de desenvolvemento rural e medio ambiente «Rexenera Aventunarón». O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, indicou que os pilares sobre os que se centra este evento son a sustentabilidade, a innovación e a enerxía. O Concello organiza este evento, con entrada de balde e no que colaboran as administracións autonómica e provincial. A inauguración da feira terá lugar mañá ás 11.00 horas.

No recinto feiral do Trece haberá tres espazos diferenciados, unha zona reservada para exposicións, outra na que se sucederán varias conferencias relacionadas coa temática do evento e unha terceira donde se levarán a cabo os obradoiros programados, dirixidos a persoas de todas as idades.

Na xornada de mañá, entre as 12.00 e as 13.00 horas terá lugar unha ponencia sobre «Aproveitamento dos nosos montes» a cargo de Mónica Estévez, da Consellería de Medio Rural. A programación continuará pola tarde, e ás 16.00 horas o ornitólogo Antonio Sandoval falará sobre «Aves mariñas no entorno da Costa Ártabra» para a continuación Mónica María García e Carlos Saavedra, de Enxeñería MECM, abordar o tema da «Eficiencia enerxética e renovables para autoconsumo».

Durante a tarde desenvolveranse tres obradoiros: un que comezará ás 16.00 horas sobre medio ambiente, ó que seguirán ás 17.30 horas o de construción de caixas niño para paxaros, a cargo do proxecto «Narón, mar aberto» e outro de «tacfit» ás 18.00 horas.

O sábado retomarase a programación ás 10.45 horas, coa ponencia «O adestramento e a supervivencia» e á que seguirán as de «O novo turista de natureza» e «Modelo de desenvolvemento sostible do territorio» de 11.45 a 13.15 horas. Entre as 13.30 e as 14.15 haberá un relatorio sobre «Novas actividades turísticas sostibles no medio natural» e pola tarde, ás 16.00 horas haberá outro de «Ecoturismo e conservación da águia pescadora na bahía de Santander» para seguir a programación con outro sobre «Modelo de desenvolvemento sostible do territorio» (17.00 a 18.15 horas) e rematar co de «Pegada de carbono e sostibilidade turística no entorno rural» (18.30 a 19.30 horas)

Tamén o sábado haberá varios obradoiros ó longo da mañá e da tarde. O primeiro, de carácter medioambiental (actividades e aventura) será ás 11.00 e a esa mesma hora levarase a cabo unha actividade con vehículo motobomba. Ás 12.00 darán comezo o obradoiro de “tacfit” e o do CEIDA, este último baixo o título «Cada xesto conta: cálculo da pegada ecolóxica». As actividades continuarán o sábado pola tarde, cun obradoiro ás 16.00 horas de carácter medioambiental, outro ás 17.00 sobre a auga e o lume e o último a partir das 18.00 horas de refuxio e nós.

A Feira «Rexenera Aventunarón» rematará o domingo, trala programación prevista en horario de mañá. Ás 10.30 horas haberá unha ponencia sobre «Invasoras no noso entorno» e de 12.00 a 13.00 horas Laura Calvo e Jorge Gude, presentarán o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Medioambiental de Galicia (CEIDA) e as súas principais liñas de traballo. A convocatoria inclúe, para rematar, un obradoiro que dará comezo ás 12.00 horas sobre «Que é o que chega ás nosas costas polo noso malfacer»

Outra das propostas que se desenvolverá na feira do Trece será un obradoiro sobre exploración de aves mariñas na Costa Ártabra, a través do proxecto «Narón, mar aberto» iniciativa impulsada a través do Golfo Ártabro Norte, en colaboración coa Consellería do Mar e financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP).

Este obradoiro será mañá ás 16.00 horas, e correrá a cargo do ornitólogo Antonio Sandoval que falará sobre as especies de aves mariñas reprodutoras e migratorias do Golfo Ártabro.

Lea también

Curso de operador de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP en Narón

A concellería de Formación, dirixida pola edil Natalia Hermida, convoca un curso de Operador de …