Narón-Representación da comedia musical “Elisa e Marcela”

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro domingo día 10 a comedia musical «Elisa e Marcela». Trátase dunha proposta impulsada a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa FalaRedes, da Rede de Dinamización Lingüística, con cargo ó Fondo Europeo Xacobeo 21-22.

A edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, recordou que o Concello de Narón está adherido á Rede de Dinamización Lingüística, sendo elixido para acoller esta actividade.

Elisa e Marcela foron dúas mulleres que se casaron na igrexa de San Xurxo no ano 1901, unha delas vestida de home. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrucción irreverente dun suceso real, unha comedia musical onde o verídico parece invento. Persecucións policiais, fuxidas, cambios de identidade e información manipulada forman parte desta historia de amor a contratempo.

A comedia está recomendada para mocidade e público adulto e comezará ás 19.00 horas. As persoas interesadas en asistir poderán recoller as entradas, de balde, a partir do vindeiro luns, día 4, na billeteira do Pazo. Entregaranse un máximo de dúas entradas por persoa, de luns a sábado de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30. O propio día do espectáculo a billeteira abrirá unha hora antes do comezo do espectáculo.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …