Pontedeume e a segunda parte de “El Quijote”

José Fonte Sardiña
Dúas veces no ano”, como di a cantiga de Pepe Fonte, pertinaz practicante dos ancestrais ritos ártabros da festa ―venerar a divindade no cumio dun monte, dar as voltas arredor da capela no sentido contrario ao das agullas do reloxo ou poñer o santo coa cruz celta, que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro, sempre en lingua galega―, cando non había pandemia, os eumeses subiamos en romaría á fermosa ermida románica que no ano 1187 se erixira no cumio monte de Breamo, a nosa montaña sagrada; unha o oito de maio, para lembrar a milagrosa aparición do arcanxo san Miguel no monte Gargano, no sur de Italia, ese mesmo día do ano 490, e outra o vinte e nove de setembro, que se corresponde coa festividade dos tres arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael, fixada pola Igrexa (Rito de poñer o santo).

Poñer o Santo

Ramiro Fonte, que dirixiu moitos anos o Instituto Cervantes de Lisboa, fala de que “o vinte e nove de setembro media vila fai o camiño a pé ata o cume de Breamo. Trátase dun traxecto cheo de dificultades. As pronunciadas pendentes, as arriscadas escaleiras, as sombrizas congostras que gabean pola ladeira do monte non arredan a ningún dos afervoados romeiros. Se un non pode das pernas, un lixeiro empurrón do arcanxo; se outro bota os fígados pola boca, un grolo de viño… Entre descanso e descanso, moitos chegan coa ollada aqueloutrada polo milagreiro clarete de Nistal ou Pepe Viños que, tal día coma hoxe, fan o negocio do ano” (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, Vigo, 2004,p. 71) (Capela de San Miguel de Breamo).

Capela Breamo

Un vinte e nove de setembro de 1547, na festividade do arcanxo que lle dá nome, nace
en Alcalá de Henares Miguel de Cervantes Saavedra, talvez o maior xenio da literatura
española, que, despois dunha azarosa vida, o vinte e dous de abril de 1616 morre en
Madrid e é enterrado, nun lugar descoñecido do convento das Trinitarias Descalzas de
Madrid, ao día seguinte (Placa que lle dedicou a Cervantes a Real Academia Española
no convento das Trinitarias).

Esa data do enterro de Cervantes foi declarada pola UNESCO en 1995 Día
Internacional do Libro, por coincidir tamén co pasamento doutro xenio da literatura
como William Shakespeare o vinte e tres de abril dese mesmo ano 1616, malia que do
calendario xuliano, que se correspondería no gregoriano, polo que nós nos rexemos, cotres de maio (Retratos de Miguel de Cervantes e William Shakespeare).

Entre o marabilloso catálogo escrito por Miguel de Cervantes, destacan sen dúbida
ningunha a primeira parte de El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha, editada en 1605, e a segunda, publicada en 1615. E, que terá que ver todo isto cos eumeses?,
seguramente se poden preguntar algúns.

Pois ben, a esa cuestión vai responder o propio Miguel de Cervantes na portada da
segunda parte de El ingenioso cavallero don Quixote de la Mancha, “dirigida a don
Pedro Fernández de Castro, Conde de Lemos, de Andrade, y de Villalua, Marqués de
Sarria…”, despois da fusión en 1576 das Casas de Lemos e Andrade, e undécimo señor
de Pontedeume, como lexítimo herdeiro ―aínda que semella que pouco se ocupou do
benestar da vila― de Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, ao que o rei Henrique
II (1369-1379) lle concedera este señorío, “para agora e para siempre jamas, para vos e para vuestros herederos e para los que de vos vinieren”, por un privilexio asinado en Burgos o dezanove de decembro de 1371 (Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade o Bo).

Na dedicatoria desta obra, asinada o último día de outubro de 1615, que traducimos á
nosa lingua, Miguel de Cervantes xustifica os motivos con algo de retranca e
agarimosas palabras:»Enviando á Vosa Excelencia os días pasados as miñas comedias, antes impresas que representadas, se ben me lembro dixen que don Quijote quedaba coas esporas calzadas para ir bicarlle as mans á Vosa Excelencia; e agora digo que xa as calzou e se puxo en camiño, e se el alá chega, coido que lle farei algún servizo á Vosa Excelencia, porque é moita a présa que desde infinitas partes me dan porque lles envíe, para quitar a carraxe e a náusea que causou outro Quijote, que co nome de segunda parte se disfrazou e correu polo orbe; e o que máis mostrou desexalo foi o grande emperador da China, pois en lingua chinesa haberá un mes que me escribiu unha carta cun propio, pedíndome, ou, por mellor dicir, suplicándome que llo enviase […]. Pregunteille ao portador se a Súa Maxestade lle dera para min algunha axuda de costa. Respondeume que nin polo pensamento» (Portada da segunda parte de El ingenioso cavallero don Quixote de la Mancha e retrato de Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos e de Andrade).

«Pois, irmán ―respondinlle eu―, podedes volver á vosa China ás dez, ou ás vinte, ou
ás que vindes despachado; porque eu non estou con saúde como para poñerme en tan longa viaxe; por outra parte, ademais de estar enfermo, estou sen cartos, e emperador por emperador, e monarca por monarca, en Nápoles teño ao grande conde de Lemos, que, sen tantos tituliños de colexios nin reitorías, me sustenta, me ampara e fai máis mercé que a que eu acerto a desexar […]. Veña a Vosa Excelencia coa saúde que é desexado; que xa estará Persiles para bicarlle as mans, e eu os pés, como criado que son da Vosa Excelencia».

«De Madrid, último de outubro de mil seiscentos quince.
Criado da Vosa Excelencia».

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …