Ferrol-Espectáculo «Libre coma os paxaros» sobre vida e obra de Rosalía de Castro

O Concello de Ferrol vai celebrar o próximo 14 de novembro, ás 19.30 horas, o espectáculo de balde «Libre coma os paxaros» que terá lugar no teatro Jofre.

A concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, deu conta ós grupos municipais na comisión de Participación Cidadá celebrada este luns, día 4 de outubro, dos detalles da actividade, que desenvolve o Concello no marco da Rede de Dinamización Lingüística en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística con fondos dos proxectos culturais Xacobeo 21.

Trátase dun espectáculo sobre a figura e o pensamento da escritora galega Rosalía de Castro. A montaxe, protagonizada por María Barcala, bota man das súas obras para percorrer o seu traballo, pensamento e compromiso cos acontecementos protagonistas na sociedade do seu tempo. A obra está producida por Teatro do Atlántico e está dirixida ó público en xeral.

A concelleira tamén deu conta doutra actividade de balde, neste caso para menores de entre 8 e 17 anos de idade, que vai consistir en dous obradoiros de grandes xogos infantís e xuvenís sobre a cultura e lingua galegas, unha iniciativa que se presentan «como proposta de ocio alternativo para mozos e mozas» dixo Prados. Tamén serán de balde e terán lugar a finais de outubro ou principios de novembro.

A edil explicou que se trata de xogos guiados inspirados no formato escape room que «implicarán ós participantes en asuntos vencellados coa tradición, a mitoloxía e a literatura galega». Os obradoiros celebraranse nun espazo ó aire libre e, en caso de choiva, trasladaranse ó salón de actos do Antigo Hospicio

Lea también

Reunión entre el alcalde de Ferrol y las entidades vecinales afectadas por las obras de As Pías

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participó este viernes en la reunión convocada …