Narón-O Concello conmemorou con varios actos o Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Narón sumouse este venres, día 8 de outubro, ós actos de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.

Ás 10.00 horas comezaba no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía, o «XI Campionato de Tenis de Mesa» para persoas con problemas de saúde mental, no que participaron unha trintena de participantes procedentes de cinco asociacións e delegacións de Saúde Mental Feafes Galicia: Alba (Pontevedra), Andaina (Dodro e Ordes), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).

Este venres 8, o Concello acolleu tamén un acto no que participaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, a edil de Benestar Social, Catalina García, o edil de Sanidade, Santiago Galego, o presidente de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena e a presidenta de Aspaneps, Elena Rodríguez.

A alcaldesa destacou o importante traballo que están realizando estas entidades en materia de saúde mental, axudando a numerosas persoas que padecen este tipo de problemas e tamén ás súas familias. «Debemos seguir traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida do colectivo, acadar a súa plena integración na sociedade e reclamar máis recursos para poder atender as necesidades que se plantexen» recalcou Ferreiro.

O presidente de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal explicou que dende a entidade «levamos a cabo diversas accións para poñer en valor o noso traballo porque os problemas de saúde mental en ocasións non teñen a visibilidade que requiren» Pena agradeceu ó representantes da corporación local «que nos acompañedes neste día» e tamén o respaldo e a implicación da asociación Aspaneps.

Pola súa banda, a presidenta desta última entidade agradeceu tamén a implicación do Concello e reafirmou o seu compromiso a «continuar participando e axudando a Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal porque o noso traballo, na liña infanto-xuvenil, é complementario ao que desenvolven eles»

Así mesmo, a concelleira de Benestar Social valorou o labor que realizan ambas entidades e o seu esforzo «por chegar a donde non chegamos as administracións e a vosa loita diaria por integrar». Ó tempo, como responsable da área de Participación Cidadá destacou a colaboración entre ambas asociacións «porque é algo que precisamente buscamos dende esta área, optimizar recursos para conseguir máis cousas xuntos»

Finalmente, o edil de Sanidade, Santiago Galego, incidiu no traballo que realizan ambas entidades día a día, «e a visibilidade que lle dades a unha enfermidade que en moitos casos é en certo modo invisible”. O concelleiro agradeceu a colaboración das asociacións co Concello e subliñou a importancia de “aportar cada un o noso gran de area e continuar esixindo á sanidade pública que reforce o servizo de saúde mental»

Ás 11.30 representantes da corporación local, entre os que tamén estiveron as edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, e da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, así como usuarios da entidade, desprazáronse ó parque do río Freixeiro para proceder a ler o manifesto do Día Mundial da Saúde Mental.

Baixo o lema «A saúde mental, un dereito necesario. Mañá podes ser ti» incidiuse na importancia de defender o dereito á saúde mental «como un atributo universal e necesario». Acadar un acceso equitativo a unha saúde mental de calidade, máis investimentos en saúde mental e protocolos específicos para a atención das persoas con problemas de saúde mental son algunhas das demandas do colectivo reivindicadas a través da proclama deste ano. Así mesmo, reclaman superar as barreiras de desigualdade laboral e a habilitación de residencias para persoas maiores con servizos especializados nesta área e tamén máis esforzos en investigación para conseguir unha especialidade médica para a etapa infanto-xuvenil.

Entre os actos impulsados dende o Concello en colaboración coa Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, está tamén a iluminación de cor verde, esta fin de semana, dende esta noite ata a madrugada do luns, da rotonda de Freixeiro.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …