Narón-Presentación das actividades conmemorativas do Día Internacional das Bibliotecas

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou, acompañada pola concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, a programación de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional das Bibliotecas.

A iniciativa desta celebración internacional naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

A rexedora local recordou que a Biblioteca de Narón non é allea ós cometidos e funcións que como biblioteca pública ten encomendados. No marco das celebracións do Día da Biblioteca, a misión da nosa biblioteca municipal debe ser precisamente ese achegamento á cidadanía, sobre todo a aquela parte para a que este servizo aínda non é coñecido nin disfrutado.

As accións conmemorativas do Día da biblioteca 2021 desenvolveranse o sábado 23 de outubro na praza de Galicia e os seus obxectivos son: dar a coñecer os servizos bibliotecarios, achegar a biblioteca á cidadanía que non accede a ela, levar os servizos bibliotecarios a un espazo lúdico de esparcimento e a captación de usuarios potenciais.

A programación constará de dous bloques: Difusión de información, coa exposición de aqueles materiais que non precisen de contacto físico coas persoas (fotografías e/ou vídeos informativos, paneis con códigos QR que leven ás diferentes seccións da nosa web…)

Dinamización activa, a través de: Dúas sesións de contacontos: “Os tres porquiños”, para bebés, a cargo de Migallas teatro ás 11.30.h e “Galicia máxica”, para público infantil e familiar, a cargo de Marta Ortiz, ás 13.00 horas. Obradoiros creativos: “Obradoiro de ilustración” a cargo de Leandro Lamas, ás 17.00 horas e tamén haberá música en directo: Concerto “As miñas mans” de Pablo Díaz, ás 18.30 horas.

A concelleira de Ensino informou de que é necesaria unha inscrición previa nas actividades. As persoas que queiran reservar a súa praza poden facelo a partir do luns 18 de outubro ás 9:30 horas de maneira presencial na propia biblioteca ou chamando ó 981382173 en horario de apertura. No caso de quedar prazas dispoñibles para calquera das actividades poderán ocuparse polas persoas que se acheguen ese mesmo día á praza de Galicia previo rexistro dos seus datos (nome completo e número de teléfono de contacto).

Atendendo ás medidas de seguridade, todas as persoas asistentes deberán permanecer co cubrebocas posto en todo momento (agás os menores de 6 anos, para quen é opcional). Será obrigatoria a desinfección das mans cunha solución hidroalcólica que se facilitará á entrada da carpa. A entrada e saída na carpa farase de maneira organizada por unidades de convivencia. As cadeiras estarán colocadas respectando a distancia de seguridade entre persoas (agrupadas por unidades de convivencia) e serán debidamente desinfectadas entre unha actividade e a seguinte.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …