Narón-Concello e AFAL asinan un convenio de colaboración en materia de acción social

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou na mañá deste mércores un convenio de colaboración en materia de acción social entre o Concello de Narón e a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias neurovexetativas, AFAL Ferrolterra, representada polo presidente, Francisco Pantín Castro.  No acto estivo presente a concelleira de Acción Social, Catalina García.

AFAL Ferrolterra traballa na comarca desde o ano 1997 ofrecendo un servizo completo para acadar a mellora na calidade de vida das persoas enfermas de Alzheimer e outras demencias, así como as súas familias.

O convenio de colaboración asinado permitirá desenvolver un programa de contidos que consta de diversos tipos de actividades como son: Actividades asistenciais e terapéuticas no Centro de Día de Afal incluindo servizo de apoio para coidadores e familiares de persoas afectadas pola enfermidade de Alzheimer e outras demencias.

Intervención social profesional a cargo da traballadora social e punto de información permanente de luns a venres. Dúas accións formativas dirixidas a familiares, webinar “Aprendizaxe de convivencia coa demencia” e unha acción formativa dirixida a profesionais, Policía Municipal ou Traballadoras Sociais.

Obradoiros de estimulación cognitiva para persoas enfermas de Alzheimer e outras demencias na fase inicial en Narón así como servizo de soporte e seguimento telemático. Posta a disposición de dúas prazas a xornada completa e con comida, e cobertura de tres prazas a media xornada sen comida, no Centro de Día Terapéutico especializado neste colectivo, coa aplicación da tarifa de socio.

As actuacións conveniadas estarán coordinadas co Servizo Sociocomunitario e coas unidades de traballo social do Concello, desenvolveranse no termo municipal de Narón, no local que a entidade dispoña para a atención deste colectivo, agás aquelas que polas súas características deban ser realizadas en dispositivos da entidade na comarca.

O convenio terá unha vixencia desde o 01/01/2021 ata o 31/12/2021 e o Concello de Narón realizará unha achega económica de seis mil euros.

A rexedora local, Marián Ferreiro, agradeceu o traballo desenvolvido pola asociación AFAL Ferrolterra coas persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias e coas súas familias no municipio e manifestou o respaldo do Concello neste importante e necesario labor social.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …