Cedeira-«Concerto de Lisboa» a cargo de Gonçalo Guerreiro

O Concello de Cedeira abre este sábado, día 23 de outubro, a nova programación cultural do Auditorio Municipal para este trimestre co Concerto de Lisboa a cargo de Gonçalo Guerreiro.

Esta fin de semana chega tamén cunha proposta para nenos. Baixo o título «Sabios, xogos e xograres», a praza do Floreal acollerá un obradoiro de xogos medievais co que se lembrará o oitavo centenario do nacemento de Alfonso X o Sabio.

Gonçalo Guerreiro é un artista polifacético nacido en Lisboa e residente en Galicia. Froito desa viaxe xorde esta proposta musical, moi acaída para unha vila que ten benquerenza pola música portuguesa. En Concerto de Lisboa, Guerreiro presenta un repertorio de temas en portugués a partir de poemas de Fernando Pessoa, no que viaxa do humor á morriña, do rock á canción de amor, ou do pop ó jazz, pasando por suposto polo fado. O espectáculo será gratuíto, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal.

Pola súa banda, a actividade para o público familiar está programado para este domingo, día 24 de outubro pola mañá, a partir das 12.00 horas na praza do Floreal. «Sabios, xogos e xograres» é unha actividade artellada no marco do programa FalaRedes de dinamización lingüística, cuxo obxectivo é ampliar o abano de actividades de lecer que se desenvolven empregando a lingua galega. Neste caso, a actividade parte do recordo de Alfonso X, o rei sabio que escribiu as Cantigas de Santa María, para aprender ós nenos asistentes diferentes xogos medievais e, a continuación, facer unha competición.

Lea también

Fene inicia na avenida de Tarrío o acondicionamento de beirarrúas

O uso de formigón impreso, que está a aplicar o persoal municipal, aumenta a durabilidade …