A visita a Pontedeume do rei Filipe o Fermoso un 29 de maio de 1506

José Fonte Sardiña
Un relato anónimo titulado “Segundo viaje de Felipe el Hermoso a España en 1506” e recollido por García Mercadal en “Viajes de extranjeros por España y Portugal”, dun cortesán que acompañou aos lexítimos herdeiros da coroa de Castela, León, Galicia e Granada, desde Bruxelas ata Galicia para tomar posesión dos seus reinos despois da morte da raíña Isabel I, alcumada a Católica, narra en castelán, e eu traduzo á nosa lingua, o periplo cara ás Españas de Filipe I o Fermoso e Xoana I a Tola e os seus
enfrontamentos con Fernando II de Aragón, Sicilia, Nápoles, Valencia e Mallorca e
conde de Barcelona, pai de Xoana e rexente de Castela, León, Galicia e Granada trala
morte de Filipe o Fermoso, o vinte e cinco de setembro de 1506, e a inhabilitación da
súa filla e lexítima raíña [Filipe o Fermoso e Xoana a Tola, do mestre Affligem].

No mes de decembro do ano 1504, ao señor arquiduque de Austria e duque de
Borgoña, estando na súa cidade de Bruxelas coa señora dona Xoana de Castela, a súa esposa, chegáronlles novas da morte da moi nobre, moi excelente, moi virtuosa e moi católica princesa, a raíña Isabel I de Castela, a nai dela [“O ditado do testamento de Isabel I a Católica en presenza do seu home o rei Fernando II, de Eduardo Rosales].

Despois destas noticias, mandaron facer en Bruxelas un solemnísimo e suntuoso
funeral, e logo tomaron as armas e os títulos de rei e raíña de Castela, de León, de
Granada, etcétera [aquí estaría incluído, aínda que non nomeado polo autor, o reino de Galicia], tal como de razón era, porque os devanditos reinos lle corresponderan a
dona Xoana como filla maior [despois da morte dos seus irmáns Xoán, en 1497, e
Isabel, en 1498, e Miguel, o fillo desta, en 1500] e, xa que logo, herdeira da raíña Isabel, a súa nai, e foran recibidos dous anos antes alí como príncipes e herdeiros aparentes, na viaxe que fixeran para ver ao rei de Aragón, o seu pai, e á moi católica raíña, a súa nai” [Sepulcro de Filipe o Fermoso e Xoana a Tola na catedral de Granada].

O rei Filipe o Fermoso e a raíña Xoana a Tola “chegaron o domingo vinte e seis de abril de 1506, contra as dúas da tarde, á baía da Coruña. Cando os da cidade viron as
bandeiras e emblemas de Castela, foron en barcos cara ao mar para saber quen viña […] e, ao comprobaren que eran o seu rei e a súa raíña, ben sabe Deus que alegría mostraron e que non aforraron en pólvora dos canóns para o celebraren, tanto dos da cidade coma dos do castelo [refírese ao que había nos xardíns de san Carlos]. E foron onda o rei e a raíña os alcaldes e corrixidores da cidade con gran reverencia e ofrecéronlles as chaves e obediencia coma o seus reis […] [Foto dos restos da antiga muralla onde estaba o castelo de San Carlos, de Diego Delso].

O día seguinte, luns vinte e sete de abril de 1506, contra as dúas da tarde, o rei, a raíña e todo o seu séquito puxeron pé en terra e os habitantes da cidade, axeonllados, xuraron e recoñeceron ao rei e á raíña coma os seus príncipes e señores e mostráronlles por escrito o xuramento que tiñan costume de faceren os reis de Galicia. Rogáronlles que fosen á igrexa onde, consonte a tradición, eran recibidos os reis e realizaban o xuramento e pregáronlles que o fixesen. O rei, indo alí coa raíña con gran pompa e triunfo, non adiou o facelo; así e todo, a raíña non quixo oír nada daquilo, polo que os habitantes da Coruña quedaron avergoñados e perplexos. Non obstante, pedíronlles que xamais aceptasen entregaren a vila e o castelo nin consentisen que fosen separados da coroa do reino de Galicia. A raíña non mostrou estima por eles nin pola súa petición, mais o rei animounos de tal xeito que se mostraron satisfeitos […] [Acuarela da Coruña de Pier Maria Baldi].

E pouco tempo pasou ata que o conde [de Vilalba] don Fernando [de Andrade e Pérez
das Mariñas], lugartenente e gobernador de Galicia, chegase alí en gran triunfo e fose ben recibido polo rei […] [Sepulcro do conde Fernando de Andrade, en Pontedeume].

Diariamente chegábanlle noticias a Filipe o Fermoso de que o rei don Fernando de
Aragón estaba en Villafranca, ao pé das montañas de Galicia, e que viña a Santiago para estar máis preto do seu fillo e reunirse con el alí. Outros dicían que o rei don Filipe enviara a dicirlle que non pasase as montañas, pois sería para el un penoso traballo. Outros aseguraban que puxeran unha boa e forte gornición en Villafranca e que non permitirían que o rei Filipe pasase e entrase en Castela. Outros sostiñan que, se o rei Fernando viñese á Coruña, o seu fillo Filipe tiña a intención de envialo a Flandres dentro dos seus navíos que aínda estaban na baía da Coruña. Así e todo, crer a uns ou a outros sería unha tolemia; eu limítome a recoller todo o que se dixo [Fernando o Católico, de Bernardino Montañés y Pérez].

O rei Filipe marchou da Coruña o xoves vinte e oito de maio e foi a Betanzos. O día
seguinte estivo en Pontedeume e o sábado, noite de Pentecoste, chegou á cidade de Compostela, onde descansa o corpo de Santiago, en cuxo lugar foi moi grandemente recibido e benvido”.

Tomado e traducido de ‘Segundo viaje de Felipe el Hermoso a España en 1506
(Anónimo)’, en García Mercadal: “Viajes de extranjeros por España y Portugal”,
Salamanca, 1999, t. I, p. 517-541.

Lea también

San Rosendo en Caaveiro

José Fonte Sardiña En pleno corazón das Fragas do Eume, na súa marxe dereita, contra …