Narón-Presentación do Plan Director do barrio da Solaina ós portavoces dos grupos políticos

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu este luns, día 25 de outubro, a reunión á que se convocou ós portavoces dos grupos políticos municipais da corporación para explicar o Plan Director do barrio da Solaina.

Representantes da empresa que realizou o traballo de campo e o documento presentado este luns día 25 no Consistorio, deron a coñecer as liñas xerais deste traballo á rexedora local e os portavoces de Terra Galega, Partido Popular e BNG, . Ferreiro avanzou que o documento tamén se dará a coñecer ós veciños da Solaina nun acto público que terá lugar a vindeira semana no barrio.

O Plan Director da Solaina é un plan estratéxico integral que se elabora para artellar a rexeneración deste barrio da cidade nos vindeiros anos, afondando na mellora da calidade urbana, a actividade económica e, en definitiva, a calidade de vida dos residentes.

Para redactar o documento presentado este luns, día 25 de outubro, analizáronse as rúas, a tipoloxía e usos das construcións, espazos verdes, servizos…Os integrantes da empresa redactora do documento fixeron especial fincapé tamén nos datos demográficos, no planeamento actual da zona, a cobertura do espazo público e analizaron os fluxos tanto de tráfico rodado como peonil polas rúas do barrio. Unha das conclusións ás que se chegou tras analizar toda a información dende a empresa é que “o preferible é realizar unha intervención en conxunto”.

Co fin de levala a cabo, tal e como indicaron, plantexouse un paquete de medidas con tres liñas de actuación, que se materializarán en función dos investimentos que se vaian realizando co paso do tempo. Ó respecto indicaron que unha das liñas sería a redistribución da superficie, tanto no que respecta ós percorridos peonís como o tráfico de vehículos; outra para implantar accións que permitan achegar na medida do posible os servizos que actualmente non ten o barrio e que se prevé que non dispoña dos mesmos e a terceira sería a creación do Laboratorio de Ecoloxía Urbana, definido como “a medida máis innovadora do conxunto e cunha lectura transversal”.

A través desta última iniciativa contémplase un listado de posibles accións a levar a cabo nas áreas de dinamización social e económica, actividades, asesoramento técnico e administrativo á cidadanía, información e tramitación de subvencións, incentivar a eficiencia enerxética e o aforro de emisións nas edificacións privadas, campañas de divulgación de boas praxes de aforro enerxético no fogar, fomento de iniciativas innovadoras, etc.

Todas as liñas de traballo, tal e como se indicou, “deberán contar coa implicación directa de residentes, propietarios e axentes sociais do barrio, tanto nos procesos participativos que se habiliten e de deseño de accións como de execución física dalgunhas medidas”, subliñaron.

A rexedora local indicou que se aposta por crear na Solaina “un proxecto semente que sirva de arranque para que novas iniciativas de economía circular e tamén de carácter medioambiental se vaian implementando neste barrio en particular para irse desenvolvendo tamén de xeito progresivo no resto da cidade”

Os representantes da corporación local coincidiron en destacar a importancia deste traballo deseñado para un barrio que se creou a finais da década dos 60 e con preto de 2.700 vivendas

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …