Narón-Obradoiro para escoller, preparar, limpar e cociñar produtos do mar

O edil de Promoción Económica, David Pita, e Javier Castro, integrante da asociación Terra Rendible, presentaron este venres, día 12 de novembro, no Concello de Narón un obradoiro para escoller, preparar, limpar e cociñar produtos do mar que se desenvolverá os días 20 e 21 deste mes no Centro Cívico Social do Val, de 10.00 a 14.00 horas.

Pita explicou que se trata dunha proposta dirixida á cidadanía en xeral, e recordou que se enmarca no proxecto “Narón mar aberto”, financiado pola Unión Europea (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca) e subvencionado a través do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Golfo Ártabro Norte (GALP). Conta ademais coa colaboración da Asociación de Veciños do Val, a Asociación Terra Rendible e a Confraría de Pescadores de Barallobre.

As prazas son limitadas, podendo participar un máximo de trinta persoas cada día, e as persoas interesadas en participar poden anotarse ata o vindeiro 18 de novembro (ata completar o aforo) a través do correo electrónico: promocioneconomica@naron.es.

A docente Susana Rañal será a persoa encargada de impartir este obradoiro, no que se explicarán as diferentes elaboracións do peixe: cocción, prancha e outras técnicas. “Os participantes poderán aprender a distinguir as propiedades e limpar as pezas segundo o cociñado que lles darán, e recibirán ademais trípticos coas receitas das elaboracións que se van facer”, avanzou o edil naronés.

O representante de Terra Rendible incidiu na importancia de convocar este tipo de actividades “porque o peixe é un produto moi sano para persoas de todas as idades”

Pola súa banda, Pita agradeceu a colaboración das entidades e administracións implicadas nesta iniciativa e subliñou que dende o Concello se convoca este obradoiro “coa finalidade de dar a coñecer a temática que se abordará no mesmo e tamén para incentivar o consumo de produtos locais, de proximidade, o que deriva tamén na creación de emprego na zona”

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …