A restauración da imaxe pétrea do “noso” san Nicolás, en Pontedeume

José Fonte Sardiña
O san Nicolás máis importante da vila de Pontedeume é o de Tolentino, ao que temos como copatrón e cuxa imaxe de vestir se aloxa no templo parroquial, na nave do Evanxeo, no retablo do Sagrado Corazón de Xesús. Así e todo, o san Nicolás máis
venerado en Galicia ―os nosos veciños de Neda mesmo o teñen por padroeiro― pola súa sona de milagreiro é sen dúbida ningunha o bispo de Mira ―que viviu entre os séculos III e IV―, na actual Turquía, máis coñecido como de Bari, porque a esa cidade italiana foran trasladadas as súas reliquias cando os musulmáns conquistaron Anatolia a finais do século XI, que está tamén representado na igrexa de Santiago de Pontedeume na nave do Evanxeo ―coa mitra, o báculo, a capa pluvial, o peitoral e o Libro na man esquerda, e bendicindo ao pobo coa destra―, no retablo de Fátima, á dereita da Virxe, á que tamén acompaña á súa esquerda a talla de santa Catarina. Xa que logo, os eumeses ben poderíamos dicir que o san Nicolás de Tolentino é o “noso” e o de Bari, o “outro”.

Ademais da devandita imaxe de vestir que se garda no templo parroquial, hai tamén en Pontedeume unha representación pétrea de san Nicolás de Tolentino nas inmediacións do seu adro, que fora decapitada polo vandalismo e que xa levaba así máis dun ano.

Estes días rematouse por fin o proceso de restauración da figura de pedra do noso
copatrón, que consistiu na recuperación e colocación da cabeza, utilizando para a unión fibra de vidro, e na retirada de materiais empregados en intervencións anteriores ―cemento, morteiros e siliconas―, que non eran os acaídos para unha peza de granito.

Tamén se acometeu unha acción preventiva de eliminación de musgos e liques, así como o xuntado de bloques con cal hidráulica con tonalidades que se aproximasen ao ton da pedra orixinal.

 

As dúas imaxes do santo que temos en Pontedeume visten o hábito dos agostiños e a pomba que portan na man esquerda ―algúns afirman que é unha perdiz ou mesmo un paspallás― é debida a que conta unha lenda que lle ofreceron a san Nicolás este paxaro asado para o tentar; así e todo, el, por non quebrantar o ríxido voto de abstinencia de carne da súa Orde, convidouno a escapar e a ave marchou voando milagrosamente do
prato (Debuxo de Siro López publicado na portada do libro “San Nicolás de Tolentino.
Co-patrono de la Villa de Pontedeume”, Pontedeume, 1997).

O misterioso voo dunha ave xa cociñada e preparada para comer fora recollido tamén na lenda xacobea do galo de Barcelos, que conta que un peregrino a Compostela
inxustamente condenado por ladrón lle pediu clemencia ao xuíz dicindo que se o galo
asado que estaba no seu prato saía voando de alí quedaría demostrado que non era
culpable; o xuíz, que non quería retrasar o seu xantar, mandou que o levasen a cumprir a pena de morte; cando o peregrino estaba xa pendurado da forca, o galo do maxistrado saíu voando do prato e o xuíz chegou a tempo de emendar o seu erro; este episodio lendario do aforcado, atribuído á mediación do apóstolo Santiago, tivo o seu precedente no milagre V narrado no Libro II do “Códice Calixtino” (Xosé López Díaz: “Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Santiago de Compostela, 2009, p. 346-347) (Representación do milagre do aforcado no cadro de Giovanni Francesco da Riminin, do século XV, na Pinacoteca Vaticana, e no cruceiro de Barcelos).

Refire a historia que un incendio asolou a vila de Pontedeume o día once de agosto de
1607 e que a deixou, segundo o informe pedido polo gobernador e capitán xeneral de
Galicia don Diego das Mariñas, “toda queimada e abrasada, que parece que arderon máis de trescentas casas e con elas a igrexa maior […] e que o lume foi tal que non
deixou en toda a dita vila máis ca dez ou doce casas pequenas”. Así e todo, a lendaria
tradición conta que, cando o lume xa fixera estragos, os frades agostiños decidiron
arrebolarlle unha reliquia de san Nicolás que o conde de Vilalba, Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, trouxera de Italia nunha das expedicións que fixera por esas terras case un século antes e que lle valeran o título de príncipe de Caserta. Dise en Pontedeume que nese intre as chamas comezaron a minguar e o incendio quedou
sufocado (Sepulcro de Fernando de Andrade na capela maior da igrexa de Santiago de
Pontedeume).

No ano 1621, outro incendio, seica desta volta non tan grande, volveu golpear a vila de
Pontedeume. Para aplacalo, conta a lendaria tradición e tamén un documento de 1752
recollido no Libro Rexistrador de Propiedades do Concello que “non tanto recorreron
ás forzas humanas, como á providencia do Señor, valéndose para iso dos méritos e
protección do Glorioso Señor San Nicolás de Tolentino, a quen […] sacaron en
procesión, e logo milagrosamente cesou a voracidade daquel elemento abrasador”.
Como sinal de agradecemento, a Corporación Municipal, en sesión de dezanove de
xuño de 1621, decidiu que “desde o presente día en adiante, para todo tempo de sempre xamais, haberemos e teremos, e esta Vila haberá e terá polo seu protector e avogado ao glorioso San Nicolás de Tolentino, co Santo Apóstolo Señor Santiago, patrón principal dela e de toda España” (Debuxos de Siro López, publicados en “San Nicolás…”, op. cit., p. 29 e 41).

O un de setembro dese ano 1621, o arcebispo de Santiago Juan Beltrán de Guevara
(1615-1622) concede a autorización canónica para que a vila de Pontedeume tomase por copatrón a san Nicolás de Tolentino e outórgalles corenta días de indulxencia aos que xaxuasen a véspera da festa e interviñesen na procesión, misa e sermón. Desde aquela, cada ano, o día dez de setembro Pontedeume celebra o Voto a san Nicolás de Tolentino e na cerimonia repártense uns boliños bieitos que os eumeses usamos como reliquias que nos serven de protección contra o lume. Un vicario corre cos gastos da celebración e, se non hai ningún, asume o encargo o Concello.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …