Narón-Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco representarán a comedia «Somos criminais 3»

O Padroado da Cultura ten xa á venda as entradas para ver o novo espectáculo de Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, “Somos criminais 3”.

O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, avanzou que estarán na cidade os días 28 e 29 de decembro, en ambos casos ás 20.30 horas.

Tralo éxito de “Somos criminais”, que se representou no Pazo da Cultura naronés, chega este novo espectáculo, no que Touriñán e Blanco analizan Galicia e os seus habitantes cunha finalidade moi concreta, saber como somos e por que somos así. Os dous actores galegos traballaron xunto ó director naronés José L. Prieto nos textos deste espectáculo, que se poderá ver en varias cidades galegas e que será un novo éxito de público.

O prezo das entradas é de 18 euros no patio, 15 euros na primeira planta e 12 na segunda, podendo adquirirse a través do despacho de billetes do Pazo no horario de atención ó público, de luns a sábados entre as 9.30 e as 14.00 e de 17.00 a 20.30 e os domingos e festivos unha hora antes do comezo do espectáculo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

O monólogo deste sábado

Así mesmo, Sánchez Fojo recordou que están tamén á venda as últimas entradas para o monólogo deste sábado no Pazo, ás 21.30 horas, protagonizado polo cómico J.J. Vaquero. O humorista, coñecido tamén polas súas colaboracións en programas de radio e televisión, abordará a súa vida cotiá, falando da súa familia, amizades e o seu propio traballo. As entradas teñen un prezo de 16 euros no patio de butacas e 14 nos anfiteatros en venda anticipada e o propio día da actuación o custe será de 20 e 18 euros, respectivamente.

A programación cultural continuará este domingo, día 21, con “Petit Pon en concerto”, unha proposta de música familiar cargada de sentido do humor, sentimentos e emocións, moi participativo e divertido no que se implicará o público e terá a oportunidade de gozar de cancións que conectan coas rapazas e rapaces e tamén coas persoas adultas.

O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral, de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 5,50 para os menores de 14 anos.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …