Narón celebrou este martes a súa festa local

 

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu o acto institucional do 23 de Novembro, Día de Narón inaugurando unha escultura en recoñecemento ás persoas que axudaron na loita contra a Covid-19

A rexedora local, acompañada doutros representantes da corporación municipal, do mestre escultor José Castiñeiras e de diferentes colectivos, veciños da cidade, inaugurou no Alto unha escultura “Do pobo de Narón en recoñecemento á solidariedade das persoas que axudaron na loita contra a Covid-19”, tal e como reza na mesma. Realizada en granito e duns tres metros de altura, a peza, con forma de tres mans, localízase nas inmediacións do novo centro de saúde do Alto, na intersección da estrada de Castela co Camiño do Lodairo.

Ferreiro agradeceu a Castiñeiras a doazóndo do diseño desta escultura e a excelente disposición do artista para materializar esta iniciativa plantexada dende o Concello. A alcaldesa agradeceulle tamén o convite á súa casa para poder ver algunhas das súas obras e a súa proposta en base á idea plantexada dende o Consistorio, que quedou fielmente reflexada na escultura que se inaugurou.

Con ela, recalcou a rexedora local, “queremos recoñecer o traballo de toda esa xente que botou unha man durante a pandemia a os que máis o precisaban. Estamos moi orgullosos de todos os que axudaron a sobrelevar un pouco mellor esta dura situación que nos tocou vivir e sobre a que temos que continuar mantendo as máximas precaucións”, subliñou.

“En momentos nos que non tiñamos nada, cando un bote de hidroxel era difícil de conseguir, ou luvas, máscaras, o feito de poder axudar ás persoas que estaban confinadas nas súas casas…. Toda esa axuda para nós como Concello foi moi importante”, incidiu.

O mestre escultor José Castiñeiras explicou que basou a súa obra “na solidariedade das persoas que axudaron na covid-19, profesionais e particulares, tendendo unha man”. O autor da peza asegurou que “iso xa di todo, por iso fixen a escultura representando tres mans semiabertas”.

Os actos do Día de Narón incluíron pola mañá na praza 23 de novembro dúas sesións do espectáculo de O Mago Antón que tiveron lugar no interior do camión no que percorre os concellos galegos. O espectáculo é de balde, cun límite de 50 persoas por pase, e puido verse tamén á tarde: ás 16.00, 17.30 e 19.00 horas. Tamén pola tarde, de 17.00 a 18.00 horas tivo lugar baixo unha carpa instalada na citada praza o espectáculo musical “A fiestra dos soños”, da compañía Trotaventos.

A programación complétouse con sesións de xogos populares que comezaron pola mañá e continuaron pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas no pavillón municipal Campo da Serra. Tamén pola tarde houbo unha chocolatada popular de 18.00 a 20.00 horas na praza 23 de novembro.

Finalmente, ás 19.00 horas o Pazo da Cultura acolleu o acto de peche do programa do Día de Narón, a entrega de premios do “XIII Concurso de Pintura Cidade de Narón”. O pintor ferrolán afincado en Madrid Andrés Gabarres Cagiao alzouse co primeiro premio, pola obra “Plastic Hotel”, dotado con 3.000 euros.

A alcaldesa, foi a encargada de entregarlle o premio, acompañada por integrantes da corporación local e tamén no mesmo acto se deu un agasallo pola súa participación ás persoas que entregaron traballos para as categorías infantil e xuvenil. A obra de Gabarres pasará a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón e o seu autor ten dereito a unha exposición do seu traballo durante quinte días no Pazo, tal e como se estipula nas bases deste certame.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …