Castelao, os mariñeiros do Atlántico e os lenzos de Abelardo Miguel

José Fonte Sardiña
Di o “Libro da Xénese” que Deus creou o mundo en seis días e, ao sétimo, descansou, e conta unha lenda que o lugar que o Creador escolleu para o seu repouso foi unha illa situada no norte do océano Atlántico, que hoxe coñecemos como Irlanda. Aquel Deus de inmenso poder estendeu a súa enorme man dereita sobre as augas salgadas e entre os ocos dos seus dedos xurdiron catro marabillosas rías, as de Ares, Betanzos, A Coruña e Ferrol, coas que ningunha outra podía competir porque naceran do  propio  corpo carnal da divindade. Así pois, Pontedeume quedou desde a creación irremisiblemente vencellado ao mar.

Non lle pode pois estrañar a ninguén que cando o rei Afonso X, o trinta de decembro de 1270, hai xa tres cuartos de milenio, mandou poboar o lugar que chamaban Pontedeume e fundar alí ex novo unha vila de reguengo, lles outorgase aos que decidisen vivir nesta pobra e no seu alfoz o dereito a pescaren libremente e sen carga naquel mar, e ordenase tamén que non tivesen que pagaren o portádego nin dereitos ningúns do pescado cos seus navíos na vila nin no seu alfoz.

Durante toda a súa historia, en Pontedeume sempre tivo unha grande importancia a
pesca, cousa que se ve mesmo na toponimia menor que recolle o nome da rúa da
Pescadería, na que Abelardo Miguel naceu, como un dos máis antigos da vila; o
profesor Carlos de Castro atopou documentos nos que aparece citada como tal en 1574
aínda que pensa que a súa orixe ten que remontarse a unha época máis temperá [Carlos de Castro Álvarez: “Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume. Denominación,
Morfología y Actividad en el Espacio Público (1270-1970)”, Pontedeume, 2007, p.
215].

Consciente tamén desa importancia da pesca en Pontedeume, o arcebispo Rajoy
mandara facer en 1763 as lonxas de pedra que aínda hoxe se conservan na nosa ribeira e unha das principais actividades que alí se desenvolvían era a salga para a conservación do peixe.

Todo iso fixo sen dúbida que Abelardo Miguel, ao que con brillantez estudou María
Fidalgo Casares, pintase coma ninguén a vida dos nosos mariñeiros e peixeiras nos seus lenzos e que lograse, coa maxia da imaxe, transmitir o que dixera con palabras, non menos marabillosamente, Castelao en “Sempre en Galiza” do noso mar e os mariñeiros galegos:

“O peixe é un dos símbolos de Cristo.
O peixe é a prata do mar feita carne.
Cada peixe ten a sustancia do seu mar. O peixe do Mediterráneo sabe a carne civilizada e xa decadente. O peixe do Atlántico –un mar terriblemente salvaxe− sabe a sal de vida libre.

O peixe galego trai nas frebas da carne as mellores esencias do Océano.
Canto custa criar un quilo de carne de vaca! En troques a carne de peixe críase sen
coidados nen gastos.

A pesca era un traballo nobre e xeneroso. Por algo Xesús de Nazaret escolleu, para os seus apóstoles, a doce mariñeiros. Mais agora péscase con dinamita…
Cando naufragaba unha lancha morría o ‘patrón’ xunto cos ‘compañeiros’. Agora o
‘patrón’ chámase ‘armador’ e nunca morre afogado, porque xa non vai ao mar.

A pesca en Galiza ennobrecerase de novo cando retorne ás maneiras colectivistas da
nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo. O que queira ‘quiñóns’ que xogue a vida no mar!

O Fisterre galego ―a punta máis avanzada de Europa― fíxose para pescar.
A xente da Meseta sóio coñece as momias de sardiña, en ataúdes de folla de lata ou en tambores de madeira. O día que teñamos un gran porto pesqueiro e vías de transporte lixeiras e baratas, toda Hespaña comerá peixe fresco.

A Hespaña que morre de carne de porco revivirá pola carne de peixe galego.
O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura” [Castelao: “Sempre en
Galiza”, Libro I, capítulo XXXII, primeira edición Buenos Aires, 1944, citado pola de
Galaxia e La Voz de Galicia, 2001, t. I, p. 196 e 197].

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …