Narón-Actos polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O acto institucional organizado polo Concello de Narón con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, terá lugar ás 11.30 horas na praza da Gándara, concretamente nas inmediacións do Monumento á Muller.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá a convocatoria, na que estará acompañada doutros representantes da corporación local, lerase un manifesto contra a violencia de xénero e posteriormente haberá unha ofrenda floral ante o citado Monumento á Muller, como é tradicional cada ano por esta data.

Os centros de ensino participarán dende as aulas, debido ás previsións meteorolóxicas, nunha Marcha Ciclista Virtual, “Pola igualdade e contra a violencia”. Os escolares de Narón pedalearán nunha bicicleta estática que se instalará en cada colexio, a través do equipo de Educación Viaria, e irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, rematando xunto ó Monumento á Muller, na Praza da Gándara”

Tamén este xoves, día 25 de novembro, estará rematado o mural co debuxo gañador do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares: Violencia machista e as redes sociais”, realizado por alumnado de 3º A da ESO do IES Terra de Trasancos. “Imos polo bo camiño” é o título do traballo realizado por Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao, que decorará un espazo público da cidade, xunto á praza da Igualdade. Precisamente con motivo do 25N descubrirase pola mañá, trala lectura do manifesto, a placa que dá nome a esa ubicación da cidade, moi próxima á praza da Gándara.

Así mesmo, tamén se inaugurará na praza da Gándara o día 25 unha exposición itinerante do Día Internacional contra a violencia de xénero, e na Biblioteca municipal pódese ver ata este sábado día 27  deste mes de novembro a exposición bibliográfica “Na loita contra as violencias”. Na xornada de mañá, o Concello procederá a iluminar de cor malva, a partir das 18.30 horas, a fachada do Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro.

O programa de actos inclúe este venres, día 26, ás 19.30 horas unha sesión de contos para público adulto, a partir de 16 anos, na biblioteca municipal. “Seica” é o título desta proposta organizada con motivo do 25N e para a que é preciso inscribirse previamente na propia biblioteca ou chamando ó teléfono 981 382 173.

Finalmente, na ludoteca municipal da Solaina tamén se realiza esta semana un mural pola igualdade e outras propostas deseñadas con motivo do 25N como un obradoiro de origami, contos e xogos pola igualdade e o obradoiro de análise musical “Son Violetas”.

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …