Narón-Petición para incluír á cidade no Convenio de Transición Xusta de As Pontes

A corporación local levou ó pleno do xoves, día 25 de novembro, ás 19.00 horas, unha declaración institucional para solicitar a inclusión de Narón no convenio de transición xusta de As Pontes.

Os voceiros de Terra Galega, Román Romero; PSOE, David Pita; Partido Popular, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo, asinan o documento, no que se insta á Xunta a realizar as xestións necesarias para que se inclúa ó Concello de Narón no ámbito xeográfico do Convenio de Transición Xusta de As Pontes. Ó mesmo tempo, tamén se insta ó Ministerio de Transición Ecolóxica a incluír ó Concello no ámbito xeográfico do citado convenio.

Dende o Consistorio manifestouse a “sorpresa” polo feito de que non se incluíse a Narón na reunión celebrada hai uns días sobre axudas para proxectos municipais e infraestruturas que vai facer o Ministerio de Transición Ecolóxica, ás que só se poden presentar os concellos incluídos no Protocolo Xeral de Actuación para o deseño dun Convenio de Transición Xusta para As Pontes, no que non está a cidade.

O Concello si figura no Plan de Acción Urxente para as comarcas de carbón e centrais en peche 2019-2021 como terceiro afectado polo peche, de trinta e catro municipios da zona, con 5 traballadores da propia térmica e 53 de contratas. Así mesmo, tal e como se recalca, é preciso ter en conta que varias empresas asentadas nos polígonos industriais naroneses traballan como subcontratas para a térmica, o que incrementaría considerablemente esa cifra. “Narón é lamentablemente un dos municipios que sufrirá o impacto do peche da central térmica de As Pontes, polo que nos vemos na obriga de defender unha vez máis tamén para o noso municipio unha transición xusta”, aseguran na declaración institucional.

Así mesmo, na sesión aprobouse por unanimidade adhesión do Concello á Rede Española de Cidades Saudables, o que suporá o pago dunha cota anual de 1.000 euros, fixada en termos poboacionais segundo acordo adoptado pola FEMP. O Consistorio comprométese a elaborar un Plan de Saúde e a cumprir coas obrigas e exercer os dereitos das normas de funcionamento do citado organismo, que aposta por promocionar e protexer a saúde e o benestar da cidadanía, en concordancia cos principios do proxecto “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde.

No apartado de mocións o PP presentou unha para que se adquira a propiedade lindeira co Colexio Rural Agrupado de Sedes para ampliar as instalacións do mencionado centro. Sobre a mesma, a alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Urbanismo, Manuel Ramos, apuntaron que o inmoble está fóra de ordenación, a parcela ao outro lado da estrada, o que suporía un risco para os menores, e en canto á ampliación dos núcleos rurais recordou que o Concello xa o plantexou á Xunta no ano 2017 para crear unha vintena máis e a Xunta non aceptou.

Na mesma liña se manifestou o voceiro do PSOE, David Pita, que calificou de “incrible” a proposta tras pechar parte dos colexios rurais, como foi o caso de Pedroso. “O caso de Pedroso, no que se cumprían as ratios establecidas, foi a gran oportunidade de que a Xunta demostrase que quere manter as escolas rurais” recalcou Ferreiro.

O PP presentou tamén unha moción en apoio ao sector lácteo galego que se aprobou cos votos de TEGA e BNG, o PSOE abstívose, e na que se reclama que os gandeiros cobren un prezo que como mínimo cubra os custes de produción, se impulsen campañas de concienciación sobre o sector primario e se reforce a promoción dos produtos lácteos galegos, entre outras medidas.

O BNG presentou unha moción sobre o incremento dos recursos económicos destinados á loita contra a violencia de xénero que non se aprobou, se ben saíu adiante unha moción presentada polos grupos municipais de TEGA, PSOE e PP manifestando o compromiso da administración pública máis próxima á cidadanía para liderar a loita contra a violencia machista mediante diferentes accións e demandar recursos económicos ó conxunto das administracións para ese mesmo fin.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …