Narón-Entrega dos premios do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares”

Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao, e alumnos de terceiro A do IES Terra de Trasancos, desprazáronse este venres, día 26 de novembro, ó Concello de Narón acompañados por dúas docentes do centro educativo para recoller o premio do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares: violencia machista e as redes sociais”.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, recibiron ós rapaces e entregáronlles unha lámina co debuxo que realizaron, e unha botella reutilizable, entre outros agasallos. Así mesmo, a rexedora local entregou ás docentes o diploma que acredita ó centro como gañador do certame e un lote de libros, xunto con máis botellas reutilizables para repartir na aula.

O deseño realizado polos estudantes estase pintando nun espazo público próximo á praza da Igualdade, inaugurada onte con motivo dos actos do Día Internacional contra a violencia de xénero, no marco do que tamén se convocou este concurso.

Ferreiro e as edís naronesas conversaron cos alumnos, que lles trasladaron que consideran moi axeitadas esta e outras iniciativas, como charlas, impulsadas dende o Concello e dirixidas neste caso ó estudantado.

Ferreiro felicitou ós rapaces polo traballo realizado e avanzoulles que tamén se pintará un mural co seu deseño no IES Terra de Trasancos.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …