Narón-Este venres acenderase na cidade o alumeado de Nadal

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e o presidente da Asociación de Veciños de Piñeiros, Francisco José Pita, presentaron este martes, día 30 de novembro, no Concello de Narón, o tradicional acto de acendido do alumeado de Nadal, que terá lugar este venres, día 3 de decembro, ás 18.30 horas.

O acto oficial do acendido, que o pasado ano non se organizou debido á situación sanitaria, terá lugar nos xardíns da Residencia San José, na parroquia de Piñeiros, donde un ano máis representantes do Concello, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á fronte, participarán xunto con persoal da citada residencia e da AVV Piñeiros, que colaboran na organización do mesmo.

Tralo acendido poderanse degustar castañas asadas, tal e como indicaron dende a AVV Piñeiros. A rexedora local encargarase de premer o botón que acenderá as luces dunha árbore natural de 25 metros de altura ubicada fronte ó citado edificio e que tamén acenderá o resto do alumeado.

Natalia Hermida agradeceu a “xenerosidade” da congregación da Residencia de Piñeiros na que se realizará o acto por ceder o espazo e tamén a colaboración brindada pola entidade veciñal. A edil naronesa explicou que as persoas que acudan poderán sacar unha fotografía cos “Elfos encantados”, que estarán nas inmediacións da Residencia San José na furgoneta na que se desprazan por estas datas de Nadal.

Pola súa banda, Pita agradeceu a implicación do Concello e da Residencia San José, e recordou que a entidade leva dezaseis anos organizando esta cita, na que colabora o Consistorio. “Estamos en época de castañas e darémolas neste acto, que recuperamos tras non podelo celebrar o ano pasado pola situación sanitaria”.

Nas rúas da zona urbana e rural, prazas, farolas, glorietas e o propio edificio da Casa Consistorial de Narón colocáronse máis de 250 pezas, arcadas, rótulos, motivos para farolas e árbores artificiais, entre outros,  que ornamentarán a cidade ata o día 7 de xaneiro. Na praza da Gándara instalarase unha bola visitable no interior e en glorietas como a de Freixeiro instaláronse elementos con forma de caixas de agasallos.

No que respecta ó resto dos elementos, colocaronse dous rótulos na zona da Ponte das Cabras e na da estrada de Castela que une Narón e Neda felicitando as festas de Nadal, árbores artificiais, de tres e dous metros, en diferentes ubicacións da cidade e as tradicionais arcadas con motivos navideños.

O alumeado estará acendido todos os días a partir das 18.00 horas e apagarase ás 01.00, excepto nas xornadas do 24, 25 e 31 de decembro e 1,5 e 6 de xaneiro, que permanecerá acendido ata o amencer.

Un ano máis, tal e como se contemplaba no prego do contrato, a empresa adxudicataria farase cargo do pago dos gastos derivados do consumo de enerxía eléctrica dos elementos instalados para o Nadal.

Dende o Concello e a AVV Piñeiros convidouse ós veciños a asistir o venres ó acto de acendido do alumeado de Nadal.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …