Narón-Posible implantación dunha empresa de construción de buses eléctricos

A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu este sábado, dia 4 de decembro, no Concello de Narón ó presidente da empresa CHTC Motor, Yan Yueli, o seu asesor, Liu Lin, e os mandatarios en España Yigam Chen e Pedro Pérez Lama, xunto cos edís de Urbanismo, Manuel Ramos, e Promoción Económica, David Pita, respectivamente.

A rexedora local e os concelleiros reuníronse cos empresarios chineses e os seus acompañantes no despacho de Ferreiro para unha primeira toma de contacto presencial tras varias conversas mantidas nos últimos meses para estudar a posibilidade de que implanten as súas instalacións no polígono de Río do Pozo.

A alcaldesa explicou que os empresarios chineses, con firmas adicadas ó mundo do motor eléctrico e propietarios dun holding de renovables, motores eléctricos e de combustión de hidróxeno, figuran entre o ranking das 250 empresas máis importantes de China.

A intención dos empresarios é poñer en marcha unha empresa de montaxe de autobuses eléctricos (E-BUS), o que suporía un investimento duns 90 millóns de euros e xeraría algo máis dun milleiro de postos de traballo. “A posición estratéxica da cidade, as infraestruturas e a dispoñibilidade de chan industrial son tres dos aspectos que valoraron dende CHTC (China Hi-Tech Group Corporation) Motor para apostar por Narón para asentarse” indicou Ferreiro.

No Concello os empresarios participaron nunha videoconferencia con Francisco Fernández, xefe de División de venta da Zona Norte do Sepes, e Carlos Fernández, director comercial do citado organismo estatal que xestiona a venda de solo industrial en Río do Pozo, que amosaron a súa colaboración “para o que faga falta na medida das nosas posibilidades, que son amplas para axustarnos ás necesidades dos clientes”.

Así mesmo, visionaron un vídeo informativo sobre infraestruturas, servicios e ubicación do parque empresarial de Río do Pozo para, a continuación, desprazarse todos ó polígono para ver a zona na que se prevé a implantación da empresa. A firma ubicaríase en terreos da fase IV do polígono, tal e como apuntou a alcaldesa, que explicou que “precisan unha superficie duns 300.000 metros cadrados para construír unha nave de 100.000 metros cadrados. Dende o Concello puxémoslles sobre a mesa as propostas dispoñibles para materializar este importante proxecto”.

Coa finalidade de acadar a solución máis favorable a alcaldesa mantivo reunións co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, nesa mesma liña.

Ferreiro indicou que “para ofrecer esta superficie que precisan habería que levar a cabo unha serie de modificacións urbanísticas na zona, sendo a fórmula máis áxil de realizalas, tal e como nos indicaron dende a administración autonómica, a tramitación como proxecto industrial estratéxico, para reducir prazos e axilizar os trámites necesarios para a súa posible implantación”, asegurou.

O presidente de CHTC Motors, Yan Yueli, agradeceu o recibimento do Concello e destacou que “é un dos mellores momentos para apostar por proxectos relacionados coas novas enerxías”. Abordou Yueli a viabilidade de instalar a empresa de autobuses eléctricos en Narón e, co fin de axilizar o seu asentamento na cidade, tamén a posiblidade de implantar previamente outras empresas sobre o sector de motores de combustibles de hidróxeno, baterías de almacenamento e recargadores de baterías de vehículos sen cable que xa se están usando en China.

“Mentres tramitamos o proxecto da empresa de buses poderíanse introducir en Narón cadeas da liña de produción de novas enerxías que, como máximo, en medio ano poderían estar operativas e suporían un investimento de entre 20 e 30 millóns de euros”, asegurou. Este proxecto, apuntou, podería levarse a cabo na zona do polígono da Gándara, que xa visitaron. Finalmente, Yueli recalcou que “a nosa empresa ten o obxectivo de formar parte do tecido industrial desta cidade e axudar a Narón a que se convirta nunha cidade de enerxía verde”.

A alcaldesa reiterou a total colaboración do Concello ós representantes da firma chinesa e asegurou que “para nós sería un pracer poder ser unha cidade verde e nesa liña estamos xa traballando dende a administración local”. Así mesmo, incidiu en que “seguiremos colaborando no que sexa posible co fin de materializar estes importantes proxectos non só para Narón senón tamén para o resto da comarca”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …